Duelo entre curas, cuestión de centímetros

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

As grandes campás de Nogueira e o Convento son resultado dun pique entre os dous párrocos

31 ene 2016 . Actualizado a las 14:15 h.

As dúas son enormes, tanto que houbo que labrar os sillares dos campanarios para que poidesen entrar e xirar. E as dúas saíron nos anos vinte do século pasado da mesma fundición, a de «José Cabrillo Mayor, en Salamanca, Proveedor de la Casa Real». Así está escrito no bronce das campás grandes das igrexas chantadinas de Nogueira e San Salvador de Asma. O relato que pasou de vellos a novos en Nogueira di que o tamaño das dúas campás ten a súa explicación nun pique entre dous curas párrocos.

Antonio Vázquez Porto, coñecido entre os seus conveciños de Nogueira como Toño do Xan Antón, conta que nunha reunión de curas o párroco de San Salvador, Marcial García Cereijo, lle preguntou ao de Nogueira, José Méndez Vigo, se xa encargara a campá que tiña previsto mercar. José contestoulle que si, que xa a encargara na Real Fábrica de Salamanca. E como Marcial se interesou polo modelo e a medida, José díxolle modelo e medida. Así que o crego de San Salvador, a parroquia coñecida tamén como O Convento, púxose en contacto coa mesma fábrica e pediu unha un pouco máis grande.

Pero o tempo ía pasando e a campá de Nogueira non chegaba, pero si chegou á de San Salvador de Asma. Unha campá elegante que, como amosa unha fotografía histórica, custou o seu traballo elevala á espadana do convento de San Salvador. Foi aquel día cando o cura de Nogueira soubo da medida da nova campá do Convento e puido encargar unha un pouco máis grande á fundición salmantina.

Don José enganou a don Marcial e por iso Nogueira ten hoxe unha campá máis grande que O Convento. O seu esforzo lles supuxo aos fregueses de Nogueira, que pasaron anos de duros tributos de colleitas para sufragar o alto prezo da campá. Así se le con letras tamén de bronce sobre a superficie da campá: «Siendo párroco José Méndez Vigo y fondos de los feligreses».

O diámetro da campá grande de Nogueira de Miño mide 130 centímetros e a de San Salvador de Asma 119. As dúas foron construídas e instaladas no ano 1925