Faleceu en Lugo o sacerdote e escritor chantadino Xosé Alvilares

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Os funerais celebraranse ás cinco da tarde de hoxe en Taboada

28 nov 2015 . Actualizado a las 12:40 h.

O sacerdote xubilado, escritor e pensador chantadino Xosé Alvilares Moure faleceu onte en Lugo -onde residía na actualidade- á idade de 87 anos. Os seus funerais celebraranse ás cinco e media da tarde na igrexa parroquial de Taboada. Alvilares naceu en 1928 na localidade de Axulfe, pertencente á parroquia de San Pedro de Viana. Despois de ser ordenado sacerdote, entre os anos cincuenta e setenta, exerceu como párroco nos municipios de Pedrafita do Cebreiro, Carballedo e Sober. Así mesmo, doutorouse en teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma e traballou como catedrático de filosofía de bacharelato.

Dentro da Igrexa, Xosé Alvilares caracterizouse por manter sempre unha postura crítica e por defender os principios renovadores do Concilio Vaticano II. Escribiu varios libros en castelán e galego nos que manifestou as súas posicións con respecto á relixión católica e ás súas relacións coa sociedade e que a miúdo resultaron moi polémicos, como Proceso a la Iglesia gallega, Dios en los límites, O clero e o uso do idioma galego, Memorial de agravios e, máis recentemente, Penitencia pública. Coincidindo coa aparición desta última obra, no 2011, criticou a elección do actual bispo lucense, Alfonso Carrasco Rouco, cualificándoa como unha proba do «estilo caciquil e clientelar» da Conferencia Episcopal Española.

O escritor distinguiuse tamén polas súas fortes críticas á corrupción política -en especial á da provincia de Lugo-, sobre a que reflectiu amplamente no seu libro Dignidade e indignidade da política (Epístola Moral a un fiscal amigo), que apareceu no 2002.

Entre os actos públicos nos que participou nos últimos anos no sur lucense figura a homenaxe que se organizou no Incio en novembro do 2011 en memoria do médico e alcalde republicano deste municipio Manuel Díaz Gómez, que morreu asasinado en setembro de 1936.