«A idea básica de ?Je ne baise plus? é que a muller é a única dona da súa propia persoa»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

Merayo presentará hoxe no Museo Provincial de Ourense unha exposición que xira en torno á violencia machista

20 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O arqueólogo monfortino Iván Merayo iniciou hai algún tempo unha intensa actividade no eido da fotografía artística á que se acaba de sumar a exposición Je ne baise plus, que se inaugura hoxe -as 20 horas- no Museo Provincial de Ourense. O novo proxecto de Merayo xira arredor da violencia machista e combina as imaxes fotográficos cun texto poético de Eva F. Ferreira.

-¿Cal é o significado do título da exposición?

-En francés significa literalmente «Xa non fodo máis». É o nome que se lle daba no século XIX a un tipo especial de xoia, un colgante feito dunha fita de tea e un camafeo ou unha pedra preciosa. Cando unha muller puña este adorno no pescozo daba a entender que non quería manter relacións sexuais. Un exemplo coñecido destes colgantes pode verse no famoso cadro Olympia de Édouard Manet. Non era un capricho, era unha mensaxe clara de que esa muller se consideraba a única dona do seu corpo. A exposición recupera esa idea, pero non só referíndose ao corpo, senón á totalidade da persoa da muller.

-Nesta serie non se ven imaxes explícitas de maltrato.

-Non, todas as fotografías son da silueta dunha muller vista a través dunha tea branca en distintas actitudes. Trátase un pouco de xogar coas formas como se facía coas figuras das metopas dos edificios da Grecia clásica. En cada imaxe hai unha expresión de forza, de desesperación, de diversos sentimentos. Non se pode distinguir se a muller é nova ou maior. É simplemente unha muller.

-¿Por que escolleu este tipo de fórmula artística?

-Son consciente de que cunha lacra social tan terrible como a violencia sexista hai que ser contundentes. Pero hai outras formas de expresión para abordar estos problemas ademais das imaxes directas. En vez de mostrar unha nena chorando ou unha muller co rostro inchado de golpes, optamos por traballar con estas figuras que pretenden representar a todas as mulleres, nenas, mozas ou maiores.

-Con esta nova exposición xa son tres as que ten circulando neste momento.

-Sigo levando por moitas localidades de Galicia Coma silvas que comen muros e Por que tapan a dor con flores?. Agora mesmo teño unha oferta para presentar en Bilbao a primeira delas, que se inspira na execución pública do ferroviario monfortino Manuel Pérez Goyanes en 1941, pero aínda non hai nada decidido a este respecto.

iván merayo fotógrafo monfortino