O Convento, unha colección de vestixios de dez séculos de historia

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

O Concello de Chantada aprobou solicitar á Xunta a declaración do edificio como BIC

10 nov 2015 . Actualizado a las 22:33 h.

O pleno do Concello de Chantada aprobou onte por unanimidade unha iniciativa cidadá que pide que o antigo convento de San Salvador de Asma -situado xunto á igrexa do mesmo nome- sexa declarado ben de interese cultural (BIC). A petición foi apoiada por varias colectivos culturais, empresas e veciños da zona, e agora será remitida á Consellería de Cultura.

A solicitude vai acompañada dun informe elaborado polo sacerdote e historiador chantadino Xosé Méndez coa axuda de varios colaboradores. Neste traballo resáltase o singular valor histórico do edificio, que na actualidade pertence a un particular domiciliado en Rodeiro e presenta un estado de conservación moi deficiente.

Diversas épocas

As orixes do mosteiro benedictino de San Salvador -coñecido como O Convento, ao igual que a parroquia á que pertence- remóntanse segundo todos os indicios ao século X. A comunidade monástica á que pertencía, que tivo unha grande influencia na comarca, desapareceu hai cerca de dúas centurias. Aínda que desde entón sufriu moitas alteracións Méndez opina que hoxe conserva a mesma estructura que tiña nesa época, sen dúbida moi diferente da primitiva. A construcción artículase en torno a un amplo patio central que corresponde ao antigo claustro.

O historiador non puido examinou o interior desde hai moito tempo, pero indica que o vello mosteiro conserva vestixios arquitectónicos de diferentes épocas, como moitos edificios históricos que foron reconstruídos varias veces ao longo dos tempos. «Hai restos da época románica e tamén do século XV, do XVII, do XVIII...», explica. Ao seu parecer, o claustro pode datar deste último período.

A pesar do seu estado ruinoso, Méndez sinala que o edificio ofrece un valor excepcional como testemuño material de varios períodos históricos e considera que sería necesario facer todo o posible para conservalo e rehabilitalo antes de que se derrumbe.

«Os documentos do mosteiro teñen un valor moi grande»

A principios do ano próximo está previsto publicar unha extensa colección de documentos sobre o convento de San Salvador de Asma que Xosé Méndez Pérez recopilou durante dúas décadas en diferentes arquivos históricos. A obra será editada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

-¿Que importancia ten esta colección documental para a historia da comarca?

-Penso que ten un valor moi grande, e non só para a comarca. O convento de Chantada tiña posesións noutras partes de Galicia e mantivo relacións, que ás veces foron moi conflitivas, con outras comunidades monásticas, con nobres, con bispos... Todo iso está reflectido nos documentos, que tamén conteñen moita información sobre como xestionaban os monxes as súas posesións e sobre a sociedade daqueles tempos.

-¿Que significou para o mosteiro pasar a depender de Valladolid?

-Polo que se sabe, nesa época estaba moi empobrecido e arruinado, de maneira que a reforma foi positiva por un lado porque axudou a salvalo, aínda que desde entón xa só foi un priorado. Pero por outro lado significou un cambio cultural e unha perda de identidade. Ata entón a comunidade estaba formada por monxes galegos e a partir desa época a documentación mostra que a maioría deles pasan a ser casteláns. Iso vese na lingua en que se escribían os propios documentos do mosteiro. Ata finais do século XV estaban escritos en latín e galego. A partir desa época usouse o latín e o castelán.

-¿Que posibilidades cre que hai de que se restaure o edificio?

-Se se consegue que o declaren ben de interese cultural, iso podería ser de moita axuda para rehabilitalo. Creo que tamén sería máis fácil conseguir axudas se a Unesco declarase a Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade. Espero que poida restaurarse algún día, porque o seu estado actual é lamentable e é un testemuño moi importante da nosa historia.

Algunhas datas significativas que marcan un longo pasado

De acordo coa documentación histórica reunida por Xosé Méndez, estas son as datas clave na historia do convento chantadino.

1074. Nesta data foi asinado o documento histórico máis antigo que se coñece sobre o mosteiro, que na súa primeira época foi unha abadía.

1496. A partir deste ano, a comunidade monástica pasou a depender do convento de San Benito el Real de Valladolid e converteuse nun simple priorado.

1820-1823. Durante o Trienio Liberal, a antiga congregación monacal foi extinguida.

1835. Coincidindo coa chamada desamortización de Mendizábal fíxose un inventario dos bens que pertenceran aos monxes dos desaparecido convento de San Salvador. A súa venda prolongouse ata a década de 1860.