Manuel María, un editor de literatura galega en Monforte

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O poeta nunha exposición de homenaxe que o Concello de Monforte lle dedicou no 2003.
O poeta nunha exposición de homenaxe que o Concello de Monforte lle dedicou no 2003. alberto lópez< / span>

O escritor publicou entre 1968 e 1975 a colección de poesía Val de Lemos

13 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos aspectos da vida de Manuel María que se poñerán de manifesto durante as homenaxes ao poeta que se levarán a cabo o próximo ano con motivo do Día das Letras Galegas dedicado á súa memoria é a súa actividade como editor de literatura en lingua galega. Neste terreo, unha das súas iniciativas máis destacadas levouna a cabo durante os anos que viviu en Monforte. A editorial Xistral, fundada por el, publicou na cidade entre 1968 e 1975 a colección de libros de poesía Val de Lemos, que representou un papel importante nunha época na que a edición de literatura galega atravesaba unhas circunstancias difíciles.

Este labor editorial non foi mencionado na carta que enviou recentemente o Concello de Monforte á Real Academia Galega para solicitar que cidade acolla unha parte dos actos conmemorativos que se organicen o próximo 17 de maio. Ese comunicado recorda que o poeta foi veciño do municipio durante unha grande parte da súa vida e suliña a función de «centro de dinamización cultural» que desempeñou a súa librería, co mesmo nome que a editorial.

Na mencionada colección de poesía editáronse obras de autores que xa entón eran ben coñecidos no ámbito das letras galegas, como Terra de ningures de Celso Emilio Ferreiro, Inquedo latexar de Xosé Neira Vilas e Non vexo Vigo nin Cangas de Bernardino Graña. Mais esta iniciativa editorial tamén permitiu que se desen a coñecer algúns escritores noveis, como Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión e Luís Álvarez Pousa, que publicaron grazas a ela os seus primeiros libros, titulados respectivamente Home e terra, Parolar cun eu, cun intre, con inseuto e Os cas da vida. No mesmo selo apareceron ademais algunhas das primeiras obras de Fiz Vergara Vilariño -Encontro cos tiburós-, Xosé Lois García -Borralleira pra sementar una verba- e o monfortino Lois Diéguez, quen abriu esta colección de poemarios en 1968 co seu segundo libro, Canciós pra un agromar branco e azul.

Un percorrido guiado polas rúas da cidade

A primeira actividade cultural dedicada a Manuel María que se organiza na comarca de Lemos desde que anunciou que o poeta será o protagonista do próximo Día das Letras Galegas levarase a cabo o próximo día 31 ou ben o 7 de novembro. Consistirá nun percorrido guiado por Monforte que tomará como base un libro que Manuel María dedicou á cidade onde viviu durante cerca de catro décadas. A iniciativa corre a cargo da asociación cultural soberino O Colado do Vento, que esta semana decidirá unha data definitiva para a ruta.

O itinerario discorrerá por diferentes paraxes da cidade que aparecen descritos no libro de poemas Cancioneiro de Monforte de Lemos, publicado orixinalmente en 1990. A primeira edición foi financiada polo Concello, que por outro lado organizou o pasado ano na Casa de Cultura-con motivo da celebración do último Día das Letras Galegas e coicindindo co décimo aniversario do falecemento do poeta- unha exposición baseada nesta obra. Por esas mesmas datas, a concellería de Cultura e o colectivo Lemos Le levaron a cabo un percorrido baseado igualmente nesta obra, similar ao que está organizando actualmente O Colado do Vento.

A asociación soberina proxectara inicialmente unha ruta literaria por Monforte dedicada ao poeta Lois Pereiro, pero -segundo explica a súa presidenta, Paula Vázquez Verao- decidiuse organizar primeiro un percorrido inspirado en Manuel María, dada a proximidade do Día das Letras Galegas. A actividade sobre Lois Pereiro quedará así para máis adiante.

Outras posibles rutas

Por outro lado, O Colado do Vento estudará a posibilidade de levar a cabo máis percorridos por outros territorios do sur lucense tomando igualmente como fío condutor as obras de Manuel María. O poeta dedicou no seu momento senllos libros ás terras de Quiroga e Pantón. O primeiro deles é Sonetos ao val de Quiroga -publicado en 1988- e o segundo, Cantigas e cantos de Pantón, de 1994. «Gustaríanos tamén promover algunha homenaxe en Sober, porque Manuel María tivo moita relación con este municipio e coa súa banda de música, á que lle dedicou un poema», apunta Paula Vázquez.

Estas actividades que agora están en proxecto levaranse a cabo durante o próximo ano, cando estean máis cerca as celebracións oficiais do 17 de maio. O Concello de Monforte, por outra parte, tamén anunciou que organizará as súas propias iniciativas para rememorar a Manuel María con independencia das que sexan promovidas pola Real Academia Galega, a Consellería de Cultura e outras institucións.

Un importante labor editorial que foi recuperado hai 22 anos

En 1993, a editorial Espiral Maior reuniu nun só volume a totalidade das obras poéticas publicadas entre os anos sesenta e setenta na colección Val de Lemos, entre as que hai tamén dous títulos do propio Manuel María, Proba documental e Canciós do lusco ao fusco, aparecidos respectivamente en 1968 e 1970. Esta última obra sería traducida máis tarde ao francés, ao bretón e ao holandés.

Na reedición promovida por Espiral Maior, por outro lado, os autores revisaron as edicións orixinais e recuperaron varios textos que no seu momento non se puideran publicar debido á prohibición da censura franquista. A editorial Xistral fora inicialmente fundada en Lugo por Manuel María en 1952. Ademais dos libros de poesía aparecidos na etapa monfortina, a firma publicou tamén obras de Ramón Cabanillas, Ricardo Carvalho Calero e Luz Pozo Garza, entre outros.