Un outono cargado de excursións micolóxicas no Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Nas próximas semanas haberá tres convocatorias diferentes en torno aos cogomelos na serra

10 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos interesados en iniciarse na micoloxía ou en ampliar os seus coñecementos neste campo non lles faltarán oportunidades este outono na Serra do Courel. Durante este mes está previsto desenvolver tres actividades diferentes en torno aos fungos autóctonos da zona. As convocatorias chegan nun momento oportuno, xa que en opinión de Antonio Rigueiro, enxeñeiro de montes e director da Estación Científica do Courel, as condicións meteorolóxicas das últimas semanas -con chuvias e temperaturas cálidas- fan prever que esta temporada micolóxica será especialmente abundante na serra.

A primeira delas levarase a cabo o próximo sábado e consiste na terceira edición dunha xornada de iniciacion á micoloxía que organiza a referida estación científica, situada na localidade de Seoane. Durante a mañá, a partir das dez horas, impartiranse tres conferencias que versarán sobre a iniciación á micoloxía, a morfoloxía e a ecoloxía dos cogomelos e a identificación das principais especies comestibles e tóxicas. As charlas correrán a cargo, respectivamente, dos profesores da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Juan Luis Fernández Lorenzo e Antonio Rigueiro, este último director da estación universitaria. Pola tarde haberá un percorrido para localizar fungos guiado por Julián Alonso Díaz, presidente da asociación micolóxica Lucus. A inscrición é gratuíta e pode facerse nos teléfonos 648 051 928, 600 942 418 ou 982 821 901.

Por outro lado, o seguinte fin de semana celebraranse por terceira vez unhas xornadas de micoloxía organizadas pola empresa Pía Paxaro en colaboración coa asociación ourensá Os Cogordos. O programa consiste principalmente en dous percorridos guiados pola zona para buscar e recoller cogomelos, acompañados de charlas e degustacións.

Máis percorridos

O primeiro será o sábado 24 a partir das 10.30 horas e o segundo o domingo a partir das dez. En ambos casos, o punto de reunión será o bar Pombo de Seoane. A inscrición custa quince euros para os adultos e seis para os menores de 12 anos. Os interesados poden chamar ao teléfono 687 001 304 ou escribir ao correo info@piapaxaro.com. Esa mesma fin de semana levaranse tamén a cabo na serra unhas xornadas micolóxicas promovidas polo albergue turístico de Quiroga. As actividades incluirán charlas na estación científica, saídas ao campo, obradoiros de clasificación e degustacións de cogumelos. Os asistentes poden escoller se queren participar nas dúas xornadas ou só nunha. Para apuntarse hai que chamar ao teléfono 616 384 113.

Unha experiencia pioneira de micorrización nun antigo souto de Ferramulín

A Estación Científica do Courel levará a cabo este outono unha experiencia de micorrización de árbores con fungos de especies comestibles para comprobar as posibilidades que pode ter a serra neste terreo. O experimento realizarase nun antigo souto da localidade de Ferramulín, onde varios castiñeiros serán inoculados con micorrizas de boletos. Segundo o director da estación, será a primeira vez que se efectúa un ensaio deste tipo na serra. «Tamén é unha das primeiras experiencias en Galicia de inoculación en castiñeiros adultos», engade.

Ao seu xuízo, este procedemento pode ter un maior interese económico que a plantación de árbores novas previamente micorrizadas. «Por unha parte, as plantas saen bastante caras e por outro lado, nas árbores novas é máis fácil que micorricen especies sen valor gastronómico, como as amanitas», apunta. «Para que comecen a producir boletos, as árbores xa teñen que ter certa idade, como quince, vinte ou trinta anos», agrega Rigueiro.

En caso de que estas experimentos teñan éxito, sinala asimesmo o director da estación científica, poderíase empregar ese procedemento para o cultivo comercial de fungos nos soutos da serra. «A única experiencia de comercialización de fungos que houbo na zona foi hai uns dez anos e consistiu en ceder o aproveitamento dun piñeiral a una empresa por parte dunha comunidade de montes», apunta.