«Hai demanda, así que este ano ímolo intentar por primeira vez coa castaña fresca»

c.c. monforte / la voz

LEMOS

29 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A empresa Caurelor foi pioneira no aproveitamento das castañas e outros produtos silvestres da Serra do Courel, mediante a elaboración de postres. Pero nunca ata agora se plantearan os seus responsables vender directamente castaña fresca. Este ano si o farán. Daniel Arza é un dos propietarios de Caurelor.

-¿Como están madurando as castañas no Courel?

-Teñen boa pinta, con moitos ourizos e moi cargados. Pero como resulte finalmente vai depender de como veña o tempo a partir de agora. Porque estes días está facendo demasiada calor. En Quiroga hoxe [por onte] estivemos a trinta graos.

-¿Vostedes compran castaña ou utilizan só produción propia?

-A maioría sacámolo de produción propia. Temos ao redor de douscentas árbores. O ano pasado sacamos moi pouca cantidade. Deixamos de recoller porque tiñan moito bicho, estaban moi secas. Este ano imos vender castaña fresca por primeira vez. Tivemos que apañarnos como puidemos, porque tampouco se podía mercar, que ninguén tiña.

-¿Por que van vender castaña fresca?

-Simplemente porque parece que hai demanda. O ano pasado, todo o mundo pedía castaña fresca, A ver se este ano se dá ben e podemos ofrecer un bon produto.