En memoria do inglés que vixiou en Distriz o paso das aves migrantes

Francisco Albo
francisco albo MONFOFRTE / LA VOZ

LEMOS

Papuxa común capturada no 2007 durante unhas xornadas de anelamento de aves en Bóveda.
Papuxa común capturada no 2007 durante unhas xornadas de anelamento de aves en Bóveda. roi fernández < / span>

En setembro celebraranse en Monforte unhas xornadas de ornitoloxía

29 ago 2015 . Actualizado a las 20:04 h.

Entre o 5 e o 6 de setembro levarase a cabo na parroquia monfortina de Distriz un encontro de aneladores de aves organizado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía e a asociación naturalista Hábitat que se pretende que siga celebrándose nos próximos anos de forma bianual. A primeira edición coincidirá co cincuenta aniversario da primeira visita que fixo a Distriz o prestixioso ornitólogo británico Christopher Mead, quen realizou na zona importantes observacións científicas e a cuxa memoria están dedicadas estas xornadas.

Durante os referidos días, membros de varias asociacións ornitolóxicas galegas participarán en capturas e anelamentos de aves que terán como fin axudar a seguir as rutas das especies migratorias e realizar un censo da avifauna da zona. Estas observacións compararanse coas que realizou nos anos sesenta Christopher Mead, quen rexistou a presenza en Distriz un total de 81 especies. «Desta forma poderase estudar a evolución que experimentaron as comunidades de aves neste territorio nos últimos cincuenta anos», sinala o biólogo Cosme Damián Romai, un dos organizadores do encontro.

Outro obxectivo que persegue esta iniciativa -ademais de reivindicar o valor dos traballos científicos realizados por Christopher Mead en Galicia- consiste en chamar a atención sobre o valor ambiental das poboacións de aves sedentarias e migrantes e divulgalo entre os non especialistas. Así mesmo, preténdese pór de manifesto a importancia que ten o val de Lemos como zona de paso para as aves migratorias que viaxan desde o norte de Europa ata o sur da Península Ibérica e o norte de África.

A este respecto, os organizadores do encontro apuntan que a especial estrutura da propiedade das terras nesta zona favoreceu o seu papel como refuxio de aves. «Nesa parte da comarca, as fincas agrícolas tiñan unha tamaño maior que a media de Galicia e cando se dividían polas herdanzas eran separadas por cómaros que se cubriron de matogueiras e que son sitios ideais para atraer as aves», explica Romai.

Vexetación propicia

Por outro lado, na área de Distriz abundan -hoxe en menor medida que cando Mead realizou os seus estudos- as formacións arbustivas de especies como a silveira, o espiñeiro, a roseira silvestre e o abruñeiro, moi adecuados para proporcionar refuxio e alimento aos paxaros.

Nas xornadas de anelamento tomarán parte socios e simpatizantes das entidades organizadores, así como dos grupos ornitolóxicos coruñeses Hércules e Píllara. «As persoas que queiran asistir a estas actividades deben inscribirse previamente por correo electrónico, pero haberá un límite, porque se se xunta demasiada xente será moito máis difícil realizar as capturas», avisa Romai. Os interesados poden informarse nos sitios www.gnhabitat.org e www.sgosgo.org.

As empanadas de papuxas deron unha pista ao investigador Christopher Mead

Nado en 1940 e falecido no 2003, Christopher John Mead foi un dos máis activos e reputados ornitólogos de Europa. O seu interese polas comunidades de aves de Distriz está curiosamente relacionado coa vella tradición de cazar e consumir papuxas -eran moi coñecidas as empanadas feitas con estas aves- que foi típica de varias localidades da comarca de Lemos. Moitas aves que se capturaron con esta fin a principios dos anos sesenta traían anelas que lles foran postas en Gran Bretaña. «As persoas que encontraban as anelas entregábanllas a outras que sabían mellor o que facer con elas, normalmente profesores, e así moitas foron enviadas ao país de orixe», explica Cosme Damián Romai. «A Mead chamoulle a atención a cantidade de anelas que chegaban de Monforte e iso moveuno a ir investigar sobre o terreo no lugar das capturas», engade.

En dúas estadías que levou a cabo en Distriz en 1965 e 1967, Mead identificou e catalogou cinco especies de aves deste xénero: Sylvia communis ou papuxa común, Sylvia atricapilla ou papuxa das amoras, Sylvia undata ou papuxa do mato, Sylvia borin ou papuxa picafollas e Sylvia hortensis ou papuxa real, que hoxe é rarísima en Galicia. Na actualidade tamén está presente na mesma zona a papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala), unha especie que colonizou o territorio galego nos anos oitenta e que o ornitólogo británico non capturou en Monforte.