Os amigos do Filandón darán unha homenaxe a unha cantora de Oencia

La Voz

LEMOS

Manuela Álvarez Prieto ten participado no festival de música tradicional da serra

16 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación de amigos do Filandón de Músicas do Courel celebrará o 3 de maio unha homenaxe á cantora popular Manuela Álvarez Prieto, natural do municipio leonés de Oencia, que participou en varias edicións deste festival, entre elas a última. Os actos celebraranse en Arnado, localidade natal da cantora, que está casada con Francisco Rivera, un músico popular natural de Ferramulín.

Segundo explica Xosé Lois Foxo, promotor do Filandón e deste acto de homenaxe, Manuela Álvarez Prieto -nada en 1928- distínguese por ter conservado e transmitido un grande número de cantares tradicionais en lingua galega de Oencia, estreitamente relacionados cos da zona norte da Serra do Courel. Unha parte deste legado foi recollido no libro-disco Cancioneiro de Oencia e contorna, publicado por Foxo hai dous anos.

A homenaxe comezará ás 14 horas cunha misa na igrexa de Arnado e unha actuación do grupo de gaitas O Recanto de Quiroga. Ás 14.30 haberá un xantar popular. Para participar hai que realizar unha reserva no teléfono 689 892 734.