«Cos viños da Ribeira Sacra podes ir hoxe a calquera mesa do mundo»

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Emilio Rodríguez compaxina a súa faceta de adegueiro da Ribeira Sacra coa dirección do restaurante monfortino O Grelo<span lang= es-es >. </span>
Emilio Rodríguez compaxina a súa faceta de adegueiro da Ribeira Sacra coa dirección do restaurante monfortino O Grelo. roi fernández< / span>

A adega Don Bernardino ampliará a exportación dos seus viños a novos países

21 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Propietario do coñecido restaurante O Grelo, unha das referencias gastronómicas destacadas na Ribeira Sacra, Emilio Rodríguez formou parte tamén do grupo de viticultores que impulsou a denominación de orixe a comezos da pasada década dos noventa. Na súa adega familiar de Amandi sempre se vendera parte da colleita entre os clientes de toda a vida. Dificilmente podían pensar daquela na dimensión internacional que ían acadar estes viños. «Xa estamos vendendo en Estados Unidos, Suíza e tamén algo en China, pero queremos dar o salto a outros países», explica. Nese obxectivo xoga un papel importante o programa Dinamiz@ate, que promove a Deputación de Lugo e no que está Emilio Rodríguez coa súa adega Don Bernardino.

-¿Que importancia ten o viño no desenvolvemento turístico da Ribeira Sacra?

-Ribeira Sacra é o viño. Se funciona como destino turístico é porque sacamos adiante a denominación de orixe. Hoxe as zonas de ribeira están cultivadas e dispoñen duns accesos en condicións. Coas viñas abandonadas ao monte, a paisaxe non tería o mesmo atractivo para o turismo. Os monumentos tamén son importantes, pero ao final a xente que nos visita acaba nalgunha adega.

-¿Xa non supón un lastre o prezo dos viños nesta denominación de orixe?

-No turismo e na comercialización do viño, a nosa oferta ten que ir destinada a un segmento medio-alto. Se a Ribeira Sacra está funcionando é porque as cousas se fan ben, empezando polos seus viños. Hoxe podes ir con eles a calquera sitio do mundo. Resisten as comparacións, poden competir nunha cata cos que se elaboran noutras zonas importantes. Iso é grazas a que teñen unha identidade, a que soubemos manter o noso estilo de viño. Logo hai que saber buscar os mercados, acertar a colocalos no seu sitio.

Na casa de Emilio Rodríguez sempre se elaborou viño para autoconsumo. Como era tradición en Amandi, unha pequena parte destinábase á venta na propia adega. As uvas procedían dunha viña de media hectárea, que aínda cultiva na actualidade. A produción de Don Bernardino rolda as 50.000 botellas e a superficie de viñedo anda polas seis hectáreas. A adega ten dous empregados e contrata máis persoal durante a vendima.

-¿Que papel xoga Internet ante os novos retos de comercialización nas adegas?

-Internet xoga hoxe un papel fundamental en todo. O viño non é a excepción. Unha páxina web é unha porta aberta a todo o mundo. Cun ordenador, alguén pode ter toda a información sobre a túa adega en Estados Unidos ou Australia sen necesidade de moverse do sitio. Na Ribeira Sacra, é unha ferramenta moi importante para que fóra se coñeza a nosa singularidade. Vender esa imaxe diferente que fai que os nosos viños sexan tan apreciados. É algo no que sempre insisten os nosos importadores. Cando os levas á viña sempre din que este viños deixan de ser caros se es capaz de transmitirlle ao consumidor o que costa facelos.

-¿Funciona o enoturismo na Ribeira Sacra?

-Para que haxa un turismo do viño ten que existir unha infraestrutura axeitada, con hoteis e restaurantes de bo nivel. A xente quere ir a sitios bonitos, pero tamén estar cómoda neles. Ter unha boa sinalización, non perderse. Penso que aquí o estamos conseguindo.

-No mundo da restauración, ¿cambiaron máis os viños ou os clientes?

-Nos dous casos houbo cambios importantes. No restaurante levo vinte e seis anos, e cando comecei a xente pedía branco ou tinto. Hoxe os clientes piden denominacións, variedades. Coñecen as marcas máis rebuscada e falan de viño moito tempo durante a comida.

-¿Nótase a crise na venta de viños en sala?

-Véndense menos os viños máis caros, os que están por riba dos trinta euros. Tamén baixaron os reservas e grandes reserves, pero neste caso penso que é máis cuestión de estilo. Os clientes prefiren viños máis frescos, máis fáciles de beber. Non quere viños fortes nos que se note demasiado a barrica.

-¿En que pode axudar á adega o programa Dinamiz@te?

-Hai dous aspectos que nos interesan moito. Dun lado está a posibilidade de mellorar o posicionamento en Internet, tanto na venta directa como na promoción da imaxe da adega. Se tes unha web para darte a coñecer, o ideal é poder vender a través dela. Pero neste programa tamén hai un estudo de mercados no estranxeiro que ten moita utilidade para nós para entrar en países como México, Alemaña, Holanda ou Noruega.