A Xunta apoia un proxecto de emprego da mancomunidade de turismo

La Voz

LEMOS

O proxecto pretende servir para acondicionar espazos naturais ao redor dos puntos de máis interese desta zona

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta outorgou o terceiro premio Coopera Galicia ao proxecto Emprego Verde, presentado pola mancomunidade da Ribeira Sacra, que ten por obxectivo acondicionar os espazos naturais situados ao redor dos puntos de interese turístico da zona. A concesión deste premio supón unha axuda económica de 12.500 euros para a realización da iniciativa, que a mancomunidade espera pór en marcha en abril.

Segundo explica a xerente da mancomunidade, Alexandra Seara, o proxecto inicial elaborouse tendo como base un orzamento estimado en torno a 48.000 euros e prevía a contratación dunhas corenta persoas. «Ao final non imos poder contar con eses fondos, así que haberá que axustar o proxecto ao diñeiro de que dispoñamos», sinala. A entidade engadirá á axuda da Xunta unha cantidade que aínda está por determinar. As persoas que sexan contratadas dentro desta iniciativa dedicaranse a desbravar zonas invadidas pola maleza -seguindo a normativa de prevención de incendios- e a repoñer elementos informativos e de mobiliario en mal estado.

Por outro lado, a mancomunidade presentará a partir de mañá no salón gastronómico Xantar de Ourense as rutas do Viñobús e do patrimonio románico previstas para a Semana Santa.