O Estase Cocendo estará presente en nove municipios

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

TABOADA

As xornadas foron presentadas en Monforte co apoio do actor Xabier Deive.
As xornadas foron presentadas en Monforte co apoio do actor Xabier Deive. roi fernández< / span> < / span>

Máis de oitenta establecementos participan nas xornadas gastronómicas

07 feb 2015 . Actualizado a las 13:51 h.

Máis de oitenta establecementos dos municipios lucenses da Ribeira Sacra participan na sétima edición das xornadas gastronómicas Estase Cocendo -organizadas pola asociación provincial de empresarios de hostelería-, que foi presentada onte no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte. Os locais que toman parte nesta iniciativa están repartidos polos municipios de Monforte, Bóveda, Chantada, Quiroga, O Saviñao, Taboada, Pantón, Sober e A Pobra do Brollón, e comprenden restaurantes, bares e cafeterías, pubs, hoteis, pensións e casas de turismo rural.

Desde esta fin de semana ata o 6 de marzo, todos estes negocios terán ofertas especiais relacionados coa cociña típica da zona e propia desta época do ano. Por unha parte, os restaurantes ofrecerán menús especiais a base de cocido durante as fins de semana e en determinados días laborables -que dependen de cada establecemento- mentres que nos bares e cafeterías haberá tapas de cocido. Por outro lado, as hospedaxes ofrecerán descontos ao longo destas xornadas, así como algúns locais noctunos, estes últimos baixo a denominación de «Noites de troula».

 

 

Sorteo dunha cesta

 

Todos estes negocios, ademais, repartirán entre os seus clientes unha serie de rifas que permitirán participar no sorteo dunha cesta de derivados do porco procedentes dunha explotación gandeira que a asociación Prodeme xestiona no municipio de Pantón. O número gañador será o que coincida coas últimas catro cifras do boleto premiado no sorteo da Once do 9 de marzo.

No acto de presentación foi investido como padriño desta edición das xorndas o actor naronés Xabier Deive, especialmente coñecido pola súa participación en series televisivas como Serramoura. Deive resaltou a importancia que poden ter as convocatorias deste tipo para fomentar a actividade turística no interior de Galicia e nas zonas rurais, que ao seu xuízo gozan dunha promoción moito menor que as áreas costeiras. «Hai que insistir en que nas montañas e vales de Galicia tamén hai moito que facer e que non todo é praia», apuntou a este respecto. O actor pediu tamén ás empresas de hostelería que se esforcen por fomentar o uso da lingua galega e afirmou que iso non será negativo de cara a atraer visitantes doutras comunidades.

No acto tamén participaron a xefa territorial de turismo, Paloma Vázquez, e a concelleira de Cultura de Monforte, Pilar López. As institucións que representan colaboran na organización das xornadas gastronómicas, así como os concellos de Quiroga e Sober, a Deputación, o consello regular da denominación vitícola Ribeira Sacra e o consorcio turístico.