Unha exposición audiovisual sobre o Camiño de Santiago con autores da comarca de Lemos

monforte / la voz

LEMOS

Unha das imaxes que compoñen a exposición audiovisual «Peregrinatio».
Unha das imaxes que compoñen a exposición audiovisual «Peregrinatio». manuel valcárcel < / span>

09 dic 2014 . Actualizado a las 05:10 h.

Na Casa de Cultura de Monforte será inaugurada o xoves -ás 20 horas- a exposición Peregrinatio. O Camiño de san Francisco a Santiago, unha montaxe audiovisual na que colaboran o fotógrafo e cineasta monfortino Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González, natural da Pobra do Brollón. A mostra está organizada polo Concello en colaboración coa sociedade de xestión do Plan Xacobeo e permanecerá aberta ata o día 21.

A exposición é froito dunha viaxe que os autores realizaron recentemente por Italia, Francia, o norte de España e a ruta xacobea galega, seguindo os pasos da peregrinación a Santiago que segundo a tradición foi levada a cabo por san Francisco de Asís no século XIII. Segundo os organizadores, as imaxes e a instalación sonora reflecten o ambiente dos camiños, mosteiros, santuarios relixiosos, cidades e vilas relacionados historicamente co itinerario xacobeo, facendo fincapé no aspecto espiritual da ruta e no seu carácter de lugar de encontro de diferentes culturas.

A mostra artística e histórica poderá visitarse no referido local de luns a venres, de 9 a 13.30 horas polas mañás e de 16 a 21 horas polas tardes.