Unha represión especialmente activa na zona sur da provincia

La Voz

LEMOS

16 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

No que respecta aos presos político, Sober e Viveiro figuran entre os maiores números de casos rexistrados en toda Galicia dentro do proxecto Nomes e Voces. Noutros municipios lucenses -entre os que se contan varios da zona sur- o número é algo menor, pero tamén significativo. Nesta situación están Monforte, Quiroga e O Saviñao, onde constan entre dezaseis e trinta casos, o mesmo que en Lugo, Sarria, Cervantes, Becerreá, Ribadeo e Ourol.

En canto ás vítimas mortais, o repertorio de Nomes e Voces divídese en tres categorías diferentes. Por un lado están as penas de morte executadas. No sur lucense destaca Quiroga, cun número de casos que oscila entre seis e quince, o mesmo que Lugo, Paradela, A Pontenova, Ribadeo e Viveiro. En Monforte, Chantada, A Pobra do Brollón e O Saviñao rexístranse entre un e cinco casos. Por outra parte están as mortes derivadas de represión paralegal -os chamados «paseos»-, nas que Monforte ten a cifra máis alta da provincia, entre dezaseis e trinta casos. En Sober, Chantada, Quiroga, Folgoso do Courel, O Incio rexístraronse entre seis e quince casos e en Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Taboada e Carballedo, entre un e cinco.

No que toca ás vítimas mortais doutro tipo -a mans de forzas militares ou policiais- en Monforte, Ribas do Sil e Quiroga houbo entre dezaseis e trinta casos, o mesmo que en Lugo, Paradela, Ribadeo e Viveiro.