David Vázquez: «Estamos subtitulando 'Asolagados' en inglés para enviar o documental a máis festivais»

Carlos Cortés
carlos cortés CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Chega a Monforte o traballo audiovisual sobre as aldeas cubertas pola auga de Belesar hai cincuenta anos que quedaron á vista temporalmente no 2011

26 sep 2014 . Actualizado a las 14:26 h.

O documental Asolagados chegou onte a Monforte. Trece meses despois da súa estrena, puidéronse ver na Casa da Cultura monfortina as imaxes das aldeas enterradas hai medio século baixo a auga do encoro de Belesar e os testemuños dos que aínda recordan aqueles lugares con vida. O chantadino David Vázquez aproveitou o baleirado temporal deste tramo do Miño durante os anos 2011 e 2012 para gravar o que nunca antes vira en cincuenta anos, e que ninguén sabe cando volverá quedar á vista.

-¿Como vai a xira de presentación do documental?

-Vai ben. Empezamos en agosto do 2013 e ata agora centrámonos en ensinalo nas cidades galegas e nas localidades da contorna de Chantada. Agora estamos mirando de proxectalo en Barcelona e de movelo en festivais.

-¿Saben xa en que festivais se vai poder ver?

-Aínda non. Neste momento só o temos subtitulado en castelán, así que o enviamos a uns quince festivais de Latinoamérica, dos que agardamos resposta. Pero xa estamos traballando nos subtítulos en inglés para ter a opción de participar tamén en festivais que se celebren noutras áreas xeográficas.

-Están satisfeitos coa difusión do documental?

-A acollida está sendo boa. de feito, a demanda que está tendo anímanos a pensa en editar copias en deuvedé para poñelas á venda cando remate o proceso de promoción e o percorrido polos festivais. Aínda non nos paramos a estudalo con detalle, así que non sabemos cantas copias sairán, pero pódenos servir para recuperar polo menos unha parte do custe económico que nos supuxo facelo.

-¿É moi caro sacar adiante un proxecto así?

-A nivel técnico non, porque nós xa tiñamos os medios. Está feito cunha cámara e dous micros, e ata non eran moi bos [risas]. Pero o caso é que foron dous anos de traballo, e iso tamén ten un valor. A min deume tempo dabondo para pararme a pensar máis dunha vez por que me metería eu nese lío. A verdade que houbo momentos nos que estivemos a punto de tirar a toalla. E despois está a promoción, na que tamén tivemos que poñer cartos do noso peto, porque agás unhas poucas excepcións aí ninguén che paga nada.

-¿E finalmente compensoulle meterse neste lío? ¿Se fose hoxe, repetiría?

-Claro que si. Esta é unha historia que tiña que ser contada. Eu creo que nós non volveremos ver estas aldeas fóra da auga, pero en calquera caso o testemuño deses lugares e dos que viviron neles queda aí. A min compensoume xa só polo que pasou no día da estrea. O medo que eu tiña era defraudar á xente que se prestou a colaborar con nós contándonos os seus recordos daqueles lugares. Pasóuseme cando despois da proxección esa xente viña chorando a abrazarnos. Iso non hai cartos que o pague.

david vázquez DIRECTOR de «asolagados»