Blanco Amor volve ao cine

M. Anxo Fernández

LEMOS

27 ago 2014 . Actualizado a las 06:55 h.

Moito se ten falado de A esmorga como un filme imposible. Unha desas novelas emocionais sen correspondencia no medio cinematográfico, ou cando menos, necesitado dun director no que conflúan intelixencia, talento narrativo e sensibilidade plástica. Non andamos sobrados diso no cine español. Mesmo chamaron de todo, desde a intelligentsia galega, ao moi solvente director asturiano, Gonzalo Suárez, cando fixo a súa achega en 1977, co título Parranda, tendo a bendición previa ao guión do propio Blanco Amor e cun reparto de altura (José Luis Gómez, Antonio Ferrandis e José Sacristán). É unha boa película, pero non era a que se agardaba. Como ocorre tantas veces coas obras literarias de altura. Agora é un director do país, Ignacio Vilar, quen asume o reto. Realmente un desafío que tampouco atopará unanimidades. Entre outras cousas porque somos un país nada doado a concedelas. O autor convidoume hai algunhas semanas a ver o filme na fase post produción, polo que carezo aínda dun xuízo integral sobre o resultado, pero xa adianto que hai tres actores en estado de graza (Morris, De Lira e Elejalde), hai un notable esforzo de produción e unha atmosfera lograda. Tampouco compre perder de vista que o cine galego móvese en baremos de produción do que agora chaman low cost, e ese baixo custe obriga a premer os miolos e a atopar moitas complicidades (institucionais e privadas) para sacar un filme ás pantallas. Que o festival ourensán abra con A esmorga non só era obrigado, senón tamén necesario. E que non se quede só niso.