O vertido do Asma obrigará a refacer un tramo dos sumidoiros

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

O vertido contaminante foi denunciado ao Seprona pola asociación Ríos con Vida.
O vertido contaminante foi denunciado ao Seprona pola asociación Ríos con Vida. roi fernández< / span>

As análises indican que houbo unha fuga de augas fecais e pluviais

24 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O vertido contaminante detectado o luns no paseo fluvial de Chantada debeuse a unha fuga na rede de sumidoiros, segundo as análises realizadas polo Seprona, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a concesionaria do servizo de subministro de augas e saneamentos. O concelleiro de Medio Ambiente, Castor Novoa, sinalou a este respecto que o vertido consiste nunha mestura de augas fecais e pluviais procedente dun tramo de tubería que probablemente quedou deteriorado a consecuencia das crecidas que experimentou o río nos pasados meses.

Os operarios da empresa Viaqua, responsable do servizo, levaron onte a cabo unha obra de reparación para conter o vertido. Non obstante, Novoa apunta que esta arranxo é provisional e que os diferentes organismos implicados estudarán a posibilidade de realizar máis adiante outra intervención máis importante para impedir que o problema se repita no futuro. «Probablemente haberá que refacer un tramo de entre trinta e cincuenta metros da rede de sumidoiros no tramo que discorre cerca do río -explica o concelleiro-, porque esta infraestrutura xa é antiga e existe o risco de que haxa máis fugas deste tipo cando volva haber crecidas». Novoa sinala tamén que é posible que se decida cambiar o trazado da rede de sumidoiros nesa zona para apartala do río.

Liña eléctrica

En calquera caso -engade o concelleiro-, a intervención que se leve a cabo terá que ter en conta a presenza dunha liña eléctrica de media tensión que pasa por esa zona do paseo fluvial chantadino e que previsiblemente complicará as obras de reforma da rede de sumidoiros. Por agora non se sabe se será preciso desmontar o muro de contención construído na marxe do río na zona onde se produciu o vertido. «Intentarase que a obra provoque o menor dano posible, pero por agora non se sabe ben o que será preciso facer», agrega Novoa.

De momento non se rexistrou no río ningunha mortandade de peixes nin outro dano medioambiental que poida ser atribuído á fuga producida no paseo fluvial. Porén, a asociación Ríos con Vida -que denunciou o vertido ao Seprona- espera que o problema se solucione coa máxima rapidez posible para evitar prexuízos á poboación piscícola. «A época da cría das troitas vai comezar dentro de pouco e se continúan producíndose vertidos nesa zona os danos poden ser importantes», comentou Xaquín López, membro deste colectivo.