O románico da Ribeira Sacra busca máis espazo na Rede

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

CHANTADA

ROMÁNICO DE LEMOS

A asociación O Colado do Vento crea un blog dedicado ao patrimonio da zona

16 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación cultural soberina O Colado do Vento acaba de editar en Internet o primeiro blog dedicado especificamente á divulgación do patrimonio románico da comarca de Lemos. A iniciativa partiu de dos membros deste colectivo, Paula Vázquez Verao e Alfonso Campos, que reuniron un amplo arquivo fotográfico dos monumentos medievais da zona. A idea de crear esta páxina, explican os autores, surxiu da constatación de que «aínda ningún organismo público pensou en facer un gran portal web sobre o románico das comarcas da chamada Ribeira Sacra». A información que hai en Internet -engade Vázquez- «non é moi abundante por agora e ademais está moi desperdigada».

Como ocuparse de todo o territorio da Ribeira Sacra e o seu vasto patrimonio románico sería un labor demasiado ambicioso para unha iniciativa que non conta con ningún apoio económico -sinala Vázquez-, decidiron limitarse aos municipios da comarca de Lemos. O blog, que se encontra no enderezo romanicodelemos.blogspot.com, pretende ser por outro lado «unha obra colectiva que se nutre dos traballos que se publicaron sobre o noso románico, das fotografías de xente coñecedora dos camiños de Lemos, das aportacións orais de múltiples persoas...». O proxecto está aínda nun estado inicial e acepta colaboracións de todos os voluntarios que se interesen en achegar os seus propios materiais.

Fichas informativas

Polo momento, a web contén unha serie de fichas informativas e imaxes de diversas igrexas románicas dos municipios de Pantón, Sober, O Saviñao e Monforte. Nas próximas semanas está previsto ir agregando informacións sobre A Pobra do Brollón e Bóveda.

Con anterioridade a este blog, nos últimos anos editáronse tamén no sur lucense varias páxinas web que en maior ou menor medida ofrecen información sobre o patrimonio románico da Ribeira Sacra. Unha destas achegas foi realizada tamén pola asociación O Colado do Vento, que editou hai tempo unha pequena guía do patrimonio románico de Sober. Esta publicación está dispoñible na súa integridade no portal Calameo. Desde hai varios anos, así mesmo, o Ecomuseo de Arxeriz -no municipio do Saviñao- ten editado na súa web un mapa interactivo que indica a situación e as principais características de numerosas igrexas románicas da zona.

Máis recentemente, a asociación Amigos do Románico da Comarca de Chantada editou a súa propia web, que contén ampla una galería fotográfica de diversas edificios monumentais situados nos municipios de Chantada, Taboada e Carballedo.