Paderne homenaxea aos Padernes

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

CEDIDA

Un monumento lembrará a unha célebre estirpe de músicos do Courel

28 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O próximo 5 de xuño, coincidindo coas súas tradicionais festas de San Martiño, a localidade courelá de Paderne renderá unha particular homenaxe aos sus músicos. En torno ao mediodía será descuberto un monolito en memoria dos membros da antiga orquestra popular Os Padernes, unha formación especialmente activa e persistente que animou as festas da serra ao longo de varias xeracións, desde principios do século pasado ata os anos oitenta.

Por iniciativa do músico Xosé Lois Foxo -natural do Courel e director da Real Banda de Gaitas de Ourense-, o escultor coruñés Francisco Escudero Carril está labrando actualmente o monumento en memoria dos Padernes. Consiste nun groso bloque de pizarra do país de cerca de 1.500 quilos de peso que estará ornamentado con varias figuras de músicos tradicionais -reproducidas das imaxes do altar maior da igrexa de Meiraos- que tocan a gaita, a zanfona, o tamboril e o triángulo. Sobre o monolito de pizarra colocarase unha lápida feita de granito de Parga, na que se inscribirán os nomes dos diferentes músicos -unha trintena en total- que formaron parte da orquestra de Paderne ao longo da súa dilatada historia.

O monolito quedará instalado nunha pequena praza do centro da localidade, un espazo especialmente representativo e dominado polos elevado picos montañosos que rodean Paderne. Francisco Escudero leva a cabo o traballo á vista dos veciños, que segundo o escultor están acollendo moi ben esta iniciativa. «A xente está moi contenta de que se lle faga unha homenaxe aos seus músicos, veñen con frecuencia falar conmigo cando me ven traballando e intéresanse por como quedará o monumento cando estea terminado», explica. «Nótase que este é un lugar onde a música tiña moita importancia e os veciños senten como algo seu todo o que está relacionado coa tradición musical da aldea e cos seus antigos músicos», agrega.

Músicos en cada familia

En Paderne, apunta por outro lado o escultor, «chegaron a funcionar un par de orquestras ao mesmo tempo e houbo unha época en que había ao menos un músico en cada familia, polo que é natural que todo isto se sinta como algo moi propio». A localidade mantén viva en certo modo a súa tradición, xa que hoxe queda polo menos un gaiteiro en activo e segue habendo unha importante afección pola música. E o recordo dos músicos máis destacados que tiveron as diferentes formacións das orquestras locais segue moi vivo entre os veciños. O monumento que se inaugurará o día 5, conclúe Francisco Escudero, pretende destacar o valor desta longa tradición local de música popular. «É simplemente unha homenaxe á xente que lle deu música a toda esta zona durante moitos anos», resume.