Belesar non sempre tivo ponte

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTAD / LA VOZ

CHANTADA

ROI FERNANDEZ

A historia deste paso e dos outros que permitiron cruzar o Miño entre Portomarín e Ourense

22 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A aldea de Belesar, anegada en parte polo encoro dos Peares, foi  un importante fito no vello camiño que unía Monforte coas terras de Chantada. Durante séculos, neste lugar estaba a única ponte que había entre Portomarín e Ourense para cruzar o río máis caudaloso do país. A orixe primeira desa ponte está probablemente nunha primeira construcción romana da que só quedarían as bases dos pilares, visibles cando o encoro está baixo, e que era parte da calzada romana provinte do Castro Dactonio (Monforte). Aquela calzada salvaba as escarpadas ladeiras do río con pronunciados acodamentos nas dúas beiras, os coñecidos como Codos de Belesar.

É posible que a ponte sufrise alguna reconstrucción a maiores na sua etapa máis antiga. está documentado que o seu paso estivo cortado no ano 1780. «Por haberse abatido en su parte superior», como relata Luis Campo na súa obra sobre as linaxes de Chantada, Saviñao e outras terras.  Isto fixo que se establecese un servizo de barca para uso dos veciños de Belesar e a sua contorna e dos que chegaban a pé ou a cabalo pola calzada, construíndose embarcadeiros dunha e doutra parte do río con barqueiros a soldo.

Afundida ante os franceses

Debido a un naufraxio, a barca foi sustituída por outra que navegou ata 1809, pois foi botada a pique para impedir o paso das tropas francesas. Logo foi reposta e seguiu facendo o mesmo servizo.

A concesión do paso da barca deu lugar a un pleito polo uso dos embarcadeiros ao construirse outra no 1809. Máis motivos para a reconstrucción da ponte, que tivo que agardar ata 1830 para que se se montase un novo pasadizo sobre os vellos pilares, que aguantaban dende a época medieval sobre os romanos.

Pagaron moitas localidades

A importancia destas obras era tal que foron realizadas con cargo a unha suscripción á que contribuíron moitas localidades de Galicia. En 1852 ponse en coñecemento do Concello de Chantada o precario estado da ponte, reconstruída non había moito e con moito custe, e que xa tiña serios problemas nos alicerces dun dos pilares, excavados pola forza da auga.

Cen anos despois desta última reforma, as augas do encoro dos Peares, anegaban por completo os antigos pilares romanos e obrigaban a incrementar varios metros a altura da ponte e a aumentar o seu pasadizo, esta vez con formigón. Por aquela vella ponte pasaron durante moitos anos os mozos da comarca de Chantada para o sorteo da caixa de reclutas de Monforte, porque era o camiño principal á vila do Cabe ata que o 23 de abril de 1925 foi inaugurada a chamada ponte de Pesqueiras, dous quilómetros río arriba de Belesar, cunha notoria calidade na cantería de granito, e con fama consolidada, porque de alí sae a Subida a Chantada, a veterana proba automovilística. 

Unha alternativa arriscada

Ao contrario que na vella ponte de Doade que atravesa o Sil entre Monforte en Castro Caldelas, en Belesar non se respectou a orixinal construíndo a nova xusto enriba. Conta aos 90 anos José Taboada López, O Paradela, que en Belesar se probou unha arriscada alternativa que consistía en construír uns grandes apoios de formigón sobre os vellos sen destruír de momento a vella ponte para que os veciños a poidesen seguir usando. Por iso se deixaron uns ocos arcados que aínda se poden ver.

Don Senén e a dinamita

Unha vez rematada a obra, foron voados con dinamita os vellos arcos, pois estaban tan ben acuñados que facía difícil una demolición a man. Ese era o medo que tiña un responsable da obra que os veciños recordan como Senén da Diputación. Podía vir abaixo enteira unha obra que durou moito tempo facela e na que veu traballar moita xente de fóra. A operación saíu ben e aínda se construíron algunhas casas da nova aldea coas pedras aproveitadas da voadura. «Fixen un servizo de barca dous días para pasar aos veciños mentres fraguaba o cemento do paso da ponte», lembra José Taboada.