«Cando comecei tiñamos 350 nenos e hoxe só hai 45»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

López Santos dirixe desde 1977 o centro, que cumpre corenta anos

24 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O colexio público Virxe do Carme de Sober cumpre este ano o corenta aniversario da súa creación, que se celebrará cunha comida de confraternización prevista para o 29 de xuño e con outras actividades. Á súa historia está estreitamente ligada á carreira docente do seu director, José Manuel López Santos, que ven ocupando o posto de forma ininterrompida desde 1977 ata a actualidade. «Imaxino que hoxe debo de ser o máis antigo de España», di. López Santos incorporouse ao centro no curso 1975-1976 e pouco tempo despois asumiu a súa dirección. Era a primeira vez que as comunidades educativas podían elixir de forma democrática aos directores dos colexios.

-A situación debeu de cambiar moito desde que comezou a dirixir o colexio ata hoxe.

-Moitísimo, sobre todo no número de alumnos. Naqueles tempos tíñamos cerca de 350 rapaces e agora só temos 45. Foi unha baixada tremenda e comezou a notarse sobre todo hai arredor de quince anos. Evidentemente, o número de alumnos matriculados baixou tanto porque o municipio sufriu unha caída demográfica moi grande, como Pantón e moitos outros sitios. Penso que a mellora do nivel educativo axudou a esta despoboación, porque ao estar a xente nova mellor formada tivo máis oportunidades para ir buscar fóra o traballo e o futuro que non podían encontrar aquí. É unha pena, pero é unha situación moi común. Espero que as cousas melloren e que repunte un pouco a matrícula. Este ano van entrar nove nenos máis no colexio, o que é algo esperanzador despois de tantas perdas de alumnos.

-A apertura do colexio de Sober significou o peche das antigas escolas unitarias. ¿Como se adaptaron a este cambio os alumnos e os profesores?

-Penso que non foi moi difícil. Para os nenos supuxo unha vantaxe importante no que respecta á convivencia e ao trato social. Ao estar concentrados nun único centro educativo puideron ter un contacto diario con rapaces doutras parroquias e ampliar moito o círculo de relacións persoais. Antes había en torno a 25 escolas repartidas por todo o municipio -a última que pechou foi a de Bulso- e os nenos normalmente só coñecían aos que vivían na mesma localidade que eles. Para o profesorado tamén foi unha vantaxe poder traballar con grupos homoxéneos de idade, porque nas escolas unitarias estaban na mesma aula alumnos de diferentes cursos e o labor era máis complicado neste sentido. Coa concentración, ademais, simplificouse moito a burocracia e os docentes puidemos centrarnos máis no traballo puramente educativo.

josé manuel lópez santos director do colexio público de sober