A aparición de crías de lobo nas semanas centrais dos ataques incrementa o temor. «Poden ser paridos nestes días polas lobas hidrófobas. O alcalde de Chantada mandou exhumar a cabeza do último lobo rabioso para recoñecela. As moscas que acudiron a ela, causan aos veciños picaduras que, se non son graves, fanse molestas polas grandes ronchas que levantan, o cal fai presumir que están infestadas».
O mozo Manuel López, de Santa María de Nogueira, atopábase no monte da Bacariza e observou que viña cara a el unha loba, «non dándolle tempo máis que para coller a escopeta, atravesoulle o peito dun balazo, no instante que trataba de botarse sobre el, rematándoa logo a culatazos e cunha fouce que tiña un veciño que correu a auxilialo, presentándose no Concello o referido López, traendo como trofeos a cabeza, unha pata e a cola do lobo; acordando o alcalde poñelo en coñecemento do señor gobernador da provincia a fin de que lle dean o premio a que se fixo acredor tendo en conta que este mozo foi o que tamén deu morte á loba que mordeu ao desgraciado Fernández».
Chega o exército a Chantada
O 29 de setembro o capitán xeral de Galicia solicita permiso ao ministro da Guerra para «destinar dúas compañías do exército a dar unha batida aos lobos que causaron tantas desgrazas en Chantada e outros pobos da provincia de Lugo». A chegada á vila dun par de compañías do exército que se ocuparán da persecución e exterminio das fieras «tranquilizou un tanto o ánimo público».
Saviñao pecha a ponte
Pero aínda así, o medo continúa, incluso máis alá da contorna de Chantada. O alcalde do Saviñao ordena pechar a ponte de Belesar para que os lobos hidrófobos non pasen a súa demarcación. Ademais o gobernador civil dispón que os veciños dos Concellos de Chantada, Monterroso, Antas, Taboada, Carballedo, Pantón e Palas de Rei «dean unha gran batida polos seus términos respectivos».
Prohibir a carne de Lugo
E mentres tanto, a prensa coruñesa pide «que se prohíba a introdución de carnes procedentes da provincia de Lugo». Para intentar eliminar o problema, dende Navarra aseguran que matan os lobos, lobas e lobetos de Pamplona «por medio de las llamadas morcillas de extrigninas» e recoméndalles aos veciños de Chantada que proben o remedio. Dende a illa de Cuba, un médico militar propón que os seus xefes indiquen ás autoridades que «envenenen as sobras dos ranchos das tropas, que sería o festín dos cans. Aplicando este sistema a animais mortos, colocados nos puntos por onde os lobos vagan, podería tal vez conseguirse o mesmo satisfactorio resultado que deu na illa de Cuba».
Tamén os cans e as moscas
A finais de setembro o temor segue en aumento. Aos lobos rabiosos súmanselles agora cans que tamén están infectados. «Para rematar -laiábase unha publicación-, ata as moscas están infestadas do mal e as súas picaduras producen ronchas molestísimas. Non hai palabras con que pintar o estado horrible daquel distrito, nin con que condenar a desidia das autoridades».
Neses momentos ninguén en Chantada se ocupa das cercanas eleccións «e témese que non haxa representante na Deputación Provincial».