A «Historia de Chantada» de Seijas quere volver á luz

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

A familia do autor pide recuperar un libro editado en 1990 e nunca distribuído

12 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A familia de Avelino Seijas Vázquez, autor do libro Historia de Chantada y su comarca, nunca chegou a ver un exemplar da obra desde foi editada polo servizo de publicacións da Deputación en 1990. Os sobriños do escritor, Eduardo e Xavier Seijas, admiten que eles mesmos paralizaron a difusión do libro no seu momento, pero puntualizan que o fixeron porque non estaban de acordo coa maneira en que se realizou a edición. Desde entón -engaden- non souberon máis sobre o que sucedeu coa obra.

«Estamos totalmente interesados en que o libro se publique e se divulgue -afirma Eduardo Seijas- e de feito fomos nós os que entregamos o orixinal da obra á Deputación, pero non crimos conveniente que saíse naquelas condicións, porque queríamos ter ao menos un pequeno control sobre o proceso de edición e non nolo permitiron». Segundo explica, desde a entrega do orixinal, o servizo de publicacións do organismo provincial non se volveu poñer en contacto con eles. «Non nos enviaron as probas de imprenta para que puidésemos comprobar se o libro fora reproducido correctamente ou se había erros sen corrixir, nin nos invitaron á presentación nin nos facilitaron un só exemplar da obra xa impresa», engade.

Nestas circunstancias -continúa Eduardo Seijas-, a familia decidiu vetar a difusión do libro. «Non podíamos permitir que a obra chegase ao público desa maneira, sen que nós puidésemos ver se estaba ben editada, se lle suprimiran algunha parte ou se lle engadiran algunha cousa que non parecese conveniente», sinala. Desde ese momento, o contacto coa Deputación cortouse e os parentes de Avelino Seijas non chegaron a saber cal foio destino que tivo o libro unha vez editado. De feito, o único exemplar do que teñen noticia foi encontrado fortuitamente por Alfredo Pardo -colaborador deste xornal- nunha bolsa chea de libros vellos que alguén depositou nunha rúa de Chantada xunto a un contedor de lixo.

Eduardo Seijas indica por outro lado que a familia do autor do libro segue sen saber o que sucedeu co resto dos exemplares impresos. «Non temos certeza de se quedaron almacenados na Deputación ou se foron destruídos, porque nunca se nos facilitou nigunha explicación a ese respecto», apunta.