Foxo afonda na relación musical entre O Courel e o Bierzo

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O libro «Cancioneiro de Oencia» incide nunha antiga tradición común

28 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O libro-disco Cantares de Oencia e contorno, publicado recentemente por Xosé Lois Foxo, afonda nas relacións culturais existentes entre a Serra do Courel e as localidades veciñas do alto Bierzo, principalmente no terreo da música popular. O director da Real Banda de Gaitas de Ourense, natural de Romeor, considera que as aldeas do municipio leonés de Oencia -que forma parte dos territorios bercianos de fala galega- comparten unha mesma tradición musical debido á proximidade xeográfica e a unhas relacións continuadas que datan de moitos séculos e pasaban por riba da fronteira administrativa.

No seu libro, Foxo sinala a este respecto que os veciños das aldeas do Courel alto -onde os castiñeiros non abundan como noutras zonas da serra- acudían habitualmente a apañar castañas nos soutos do municipio de Oencia, onde moitos deles tamén tiñas terras en propiedade. Debido á estreita veciñanza, engade o autor, «a intercomunicación artística era constante», de tal maneira que os xéneros musicais tradicionais da montaña berciana eran praticamente os mesmos que os da vertente galega. É o caso, entre outros, dos cantares de seitura, os cantares de Reis e as coplas improvisadas coñecidas como brindos ou loias, un xénero praticado nunha zona que abranxe as aldeas de Oencia, a Serra do Courel, o val do Lóuzara, O Incio, a montaña do Lor e A Pobra do Brollón.

Vínculo cultural e familiar

Foxo apunta tamén que o vínculo entre estes territorios foi moitas veces tanto cultural como familiar a como exemplo menciona o caso de dúas persoas que colaboraron como informantes na elaboración da obra: a cantareira berciana Manuela Álvarez Prieto, natural de Arnado, e o seu marido Francisco Rivera, de Ferramulín, ambos os dous grandes coñecedores de cantares e melodías tradicionais.

O libro menciona outros casos que ilustran esta intensa relación cultural e musical, como o dos músicos de Paderne do Courel, que acudían con frecuencia a tocar nas festas do lado berciano, e o de Carlos Rodríguez, un músico de Paradaseca -en Quiroga- que se desprazaba nos anos cincuenta ata Xestoso, en Oencia, para ensinar a tocar aos membros dunha orquestra popular que chegou a ter moita sona naqueles tempos.

A obra fala ademais da pegada que deixou tanto en Oencia como no Courel un peculiar personaxe coñecido como o Gaiteiro Perdido, un músico popular que percorría as localidades da zona a principios do século pasado e cuxo nome non parece lembrar ninguén. Este músico semilendario, que ao parecer non tiña residencia fixa, chegou a ter unha ampla celebridade e aínda hoxe hai quen lembra melodías que se lle atribúen. Foxo recolleu en Romeor un fragmento musical que coñecía o carpinteiro Manuel Méndez e que se supón que era unha das pezas que tocaba aquel misterioso gaiteiro.