Retellan a capela da antiga Casa do Fidalgo de Río Pedroso para salvala da ruína

chantada / la voz

LEMOS

ROI FERNANDEZ

27 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A capela privada da chamada Casa do Fidalgo -na aldea de Río Pedroso, da parroquia chantadina de San Xoán da Laxe- foi obxecto dunha intervención de urxencia para impedir que acabase por arruinarse. A obra foi encargada pola actual propietaria da casa, Dolores Fernández, e consistiu en instalarlle unha cuberta nova. «O único que se fixo foi colocarlle un tellado para que non siga chovendo dentro e construción non se deteriore máis», explica a dona. «Máis adiante xa verei se se pode facer algo máis», engade.

Aínda que non figura no inventario do patrimonio do municipio, a Casa do Fidalgo ten valor histórico como mostra da arquitectura señorial rural. O antigo concelleiro Luís Eiré, cuxa familia posuíu en tempos a casa -houbo despois outros propietarios antes da actual-, di que non coñece documentación histórica que indique a súa antiguidade. «Pero polo que teño oído, a capela no seu estado actual pode datar do século XVIII e as orixes da casa remontarían ao século XVI», puntualiza.

Segundo a tradición oral, a casa pertenceu orixinalmente a unha familia fidalga oriunda da parroquia de Esmeriz e relacionada co mosteiro de Oseira. A vivenda está deshabitada desde finais dos anos trinta.