Premio para un traballo sobre a industria chantadina dos curtidos

chantada / la voz

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

24 nov 2013 . Actualizado a las 06:50 h.

Un traballo sobre a industria do coiro en Chantada é o gañador da secta edición do sétimo certame de investigación Condado de Pallares. «A Chantada fabril. Os curtidoiros do Asma na Idade Contemporánea» é unha obra de Claudio Otero Eiriz, licenciado en dereito e funcionario do coerpo de xestión de administración da Xunta. O premio consta de 3.000 euros en metálico e a publicación da obra.

O xurado reuniuse onte ás doce e media da mañá na casa da cultura de Taboada para elixir o mellor entre os candidatos que optaban ao premio. O veredicto recoñece a «extraordinaria calidade» dos traballos presentados. O xurado, formado por Carlos Baliñas Pérez, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, Fernando Arribas Arias e Xosé Luís Vázquez Somoza, recoñece na investigación gañadora unha proposta novidosa «sobre un campo pouco coñecido como é o da industria rural, de grande importancia para a historia de Galicia en xeral e das Terras do antigo Condado de Pallares, en particular». Tamén valora a estrutura do traballo gañador, pola súa «mestura de historia e etnografía, acompañada dun excelente aparato gráfico, estatístico e documental que clarifica e afonda en moitos aspectos da investigación». E finalmente, o fallo suliña «a implicación do traballo coa sociedade», porque contén propostas para conservar o patrimonio que aínda se conserva sobre esa industria.

A entrega, en Taboada

O acto oficial de entrega do premio terá lugar o 20 de decembro ás oito da tarde na casa da cultura de Taboada.