Xosé Lois García: «O meu interese pola lusofonía naceu en Merlán»

f.a. CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

García publicou un libro sobre as culturas dos países de lingua portuguesa

24 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Lois García acaba de publicar o libro Polas diversas xeografías da Lusofonía, un groso volume que recolle a maior parte dos numerosos traballos -artigos, ensaios, conferencias, entrevistas, prólogos de libros- que o escritor chantadino ten publicado desde 1975 sobre as literaturas e as culturas dos países de lingua portuguesa.

-¿Cando comenzou a interesarse polas culturas lusófonas?

-Foi sobre todo desde que lin o libro Sagrada esperança, do grande poeta Agostinho Neto, o primeiro presidente de Angola. Comprei ese libro no Porto en agosto de 1974, no mesmo ano da revolución portuguesa.

Lino na miña casa da parroquia de Merlán estando de vacacións e foi toda unha descuberta. Era un autor africano que escribía nunha lingua que para min é a mesma que o galego, e falaba non só dos problemas de Angola, senón dos de todo o mundo, de todos os que viven oprimidos por ditaduras... Así estaban nesa época Angola, Portugal, Brasil e tamén Galicia. Traducín aquel poemario ao español e de aí veu todo o demais.

-¿Tivo algún guía neses primeiros estudos?

-No que respecta ao estudo das literaturas africanas de expresión portuguesa guieime moito polo escritor Manuel Ferreira, unha autoridade mundial nesta materia, a quen tratei moito. Tamén tiven moita relación co profesor Pires Laranjeira, outro grande especialista en literaturas lusófonas. Estas persoas axudáronme moito a orientarme nese mundo, aínda que despois coñecín a moitos outros escritores e intelectuais da lusofonía. Para min foi tamén moi importante a relación con Brasil, un país que non só ten unha cultura riquísima senón que ademais preocúpase moito por estudar e conservar as culturas africanas de lingua portuguesa. Nas universidades brasileiras hai moitísimo material sobre a África lusófona, máis que na propia África.

-Os traballos que recolle este libro non falan só de literatura.

-Non, falan de todo tipo de cuestións relacionadas cos países de lingua portuguesa. Hai traballos sobre literatura, artes, cultura, política, problemas sociais... É o froito de moitos anos de lecturas e investigacións e de moitas viaxes, porque nestes anos teño ido moitas veces a Portugal, Angola, Brasil... Sempre volvín coas maletas cargadas de libros.