Unha noite na casa da árbore para valorar a natureza

k. armesto / c. c

LEMOS

CEDIDA

21 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Facer real aquel soño de infancia de moitos de ter unha casa enriba dunha árbore é posible, cando menos por unha noite. Dentro dunha paraxe natural case intacta da aldea de Mariz, en Chantada, o contacontos Anxo Moure decidiu adaptar a súa aula ambiental Eco Espazo Casa nas Árbores. Nesta casa, construída enriba dun carballo e dun castiñeiro, desenvólvense dende hai máis dun ano actividades de educación ambiental para nenos. Pero o proxecto vai máis alá e o contacontos chantadino habilitou enriba do castiñeiro, no espazo da biblioteca, unha habitación para dúas persoas para que poidan pasar alí a noite. Unha idea que está batendo forte xa en Francia, onde a xente aluga habitacións nos hoteis das árbores. «A miña idea naceu da indiganción do maltrato á natureza que estamos vivindo, e máis agora coa cantidade de incendios que está sufrindo o monte. Durmindo e soñando rodeado de árbores, e estando préto delas, podemos darnos conta mellor da súa importancia» explica Anxo Moure. A habitación, con espazo para unha parella e rodeada de 32 especies diferentes de árbores, está aberta a calquera persoa que demostre un compromiso co medio natural. «O único requisito é traer o xustificante de ter colaborado con algunha asociación que traballa na defensa do bosque, aínda que sexa dun euro», apunta Moure. Así, coa colaboración coa federación ecoloxista galega, a asociación monte Pindo parque natural ou calquera grupo ecoloxista, quen o desexe poderá probar esta experiencia. Os primeiros en adentrarse na aventura dunha noite coas árbores, viñeron dende Polonia, Tomiño, Perú e Cangas. Á hora de espertar, cando se pon o sol, os inquilinos atoparán atado a unha corda, o almorzo servido nun cestiño de salgueiro feito polo último cesteiro do río Miño, Avelino Pincelo. Unha maneira de poñer ao alcance de todos o convivir cos latexos da natureza, e unha orixinal proposta que pon a imaxinación ao servizo do turismo.