Quiroga acollerá un obradoiro teatral sobre a igualdade de sexos para persoas maiores

quiroga / la voz

LEMOS

07 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O municipio de Quiroga acollerá un obradoiro de teatro promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade no que poderán participar persoas de entre 45 e 75 anos e que terá por obxectivo fomentar a reflexión sobre a socialización diferencial entre homes e mulleres e a formación dos estereotipos de xénero. O programa, segundo os organizadores, pretende «que as persoas maiores sexan transmisoras dos valores da igualdade entre os seus netos e netas menores».

As persoas interesadas en participar deben inscribirse no centro social ou no Centro de Información á Muller e acudir o día 16, ás catro da tarde, ao primeiro destes locais. O obradoiro terá unha duración total de 45 horas repartidas en quince sesións e consistirá en ensaiar e representar en decembro unha obra titulada Avós, nunca é tarde.

Estes obradoiros comezaron a desenvolverse en decembro do ano pasado en Padrón. Ademais de Quiroga, durante esta temporada levarase a cabo a mesma actividade nos municipios de Verín e Vila de Cruces.