Os romanos volverán desfilar por Montefurado en agosto

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

QUIROGA

Un aspecto da primeira festa romana organizada en Montefurado por Caetra Lucensium.
Un aspecto da primeira festa romana organizada en Montefurado por Caetra Lucensium. Alberto lópez < / span>

O festexo histórico celebrado no 2012 terá unha nova edición

03 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

En vista da boa resposta que obtivo a primeira festa romana celebrada o pasado verán en Montefurado, a asociación de reconstrución histórica Caetra Lucensium repetirá a experiencia este ano, algo que foi tamén demandado polos veciños desta localidade quiroguesa. O festexo celebrarase entre o 17 e 18 de agosto baixo o lema «Montefurado MMXIII, Terra de romanos» e contará coa colaboración do Concello, a Deputación e as asociacións locais Boca do Monte e Montefurado.

Como na primeira ocasión, esta vez tamén haberá unha marcha a pé dos lexionarios polas beiras do Sil, que cubrirá un traxecto de cerca de tres quilómetros entre Montefurado e Boca do Monte. Esta actividade abrirá a primeira xornada, a partir das dez da mañán. En Boca do Monte haberá unha demostración de bateo de ouro a cargo da asociación asturiana Barciaecus -na que poderán participar todas as persoas que o desexen- e outra de técnicas romanas de agrimensura. O programa do día comprenderá ademais unha comida, unha conferencia sobre a minería romana a cargo de Elena Mondelo, un xogo de rol denominado «Pax Romana», unha demostración de forxa romana e acuñación de moedas e unha cea presidida por un «procurador de Roma».

Segunda xornada

Para o día 18 está prevista unha nova demostración de acuñación de moeda, así como un desfile de tropas romanas polas rúas da localidade acompañado dunha institutio legionem, ou sexa, unha explicación sobre a instrución militar romana e as tácticas de combate. Despois haberá unha comida, unha conferencia sobre uso da fonda como arma militar na Antigüidade e unha demostración de tiro con manuballista, un tipo de bésta para lanzar flechas.

Nos desfiles e demostracións tomarán parte membros de Caetra Lucensium e doutros grupos de reconstrución histórica de Astorga e Cacabelos. En total, serán cerca de medio centenar de lexionarios os que participen no festexo.

Alberto Sánchez, presidente da asociación organizadora, animou aos veciños do municipio de Quiroga e a calquera outra persoa interesada a visitar Montefurado durante esa fin de semana para participar nas diversas actividades programadas. «Os que queiran participar máis directamente, que non dubiden en vir vestidos de romanos», engade.