Monforte acolle os premios da Irmandade do Libro

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

A entrega será o sábado 20 de abril na Casa de Cultura e entre os galardoados estará María Xosé Queizán

13 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Casa de Cultura de Monforte acollerá o sábado día 20 de abril o acto de entrega dos premios anuais da Irmandade do Libro, que promove a Federación de Libreiros de Galicia en colaboración coa Xunta e o Concello. Os galardóns entregaranse nas modalidades de centros de ensino, autor, obra editorial, fomento da lectura e librarías. Nas distintas categorías, trátase de recoñecer o labor dos premiados en favor da lectura e da divulgación da lingua e da cultura galega.

Os actos que se celebrarán con ese motivo foron presentados onte en Monforte pola presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Pilar López. A cerimonia comezará ás sete de tarde, coa interpretación da Alborada de Rosalía pola Escola Municipal de Gaitas. Antes da entrega dos premios, prevista para as sete e media, Carlos Blanco ofrecerá o monólogo Teño días.

Tempos complicados

O xurado, integrado pola escritora Helena Villar Janeiro, o profesor Carlos Arias e catro representantes da Federación de Libreiros e da Consellería de Cultura, reunirase o mediodía do sábado para fallar os premios. Na modalidade de autor, o premio xa está decidido e recaerá na escritora viguesa e catedrática de Lingua e Literatura Galega María Xosé Queizán «pola súa traxectoria a prol do libro galego en tempos moi complicados».

Con esta son xa 22 as edicións dos Premios da Irmandade do Libro. O feito de que o acto de entrega sexa en Monforte, explicou a presidenta da Federación de Libreiros, ten moito que ver cun comentario que fixo o alcalde na última Feira do Libro celebrada nesta localidade. «Entón dixo que prefería quitar unha orquestra das festas e poder dedicarlle unha feira ao libro. Foi algo que nos chegou», dixo Pilar Rodríguez na presentación.