«Contamos co actor Roberto Vilar para apadriñar o Estase Cocendo»

f.a. monforte / la voz

LEMOS

SANDRA ALONSO

26 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Beatriz Vila, representante no sur lucense da asociación provincial de hostalería, prepara a nova edición das xornadas gastronómicas Estase Cocendo, que se desenvolverán ao longo de todo o mes de febreiro.

-¿Cantos negocios participarán nesta edición?

-Acabamos de pechar o prazo de inscrición e apuntáronse máis de setenta negocios de Monforte e outros municipios da zona, como Chantada, Pantón, Sober, O Saviñao ou Bóveda. Para todos os participantes e tamén para a asociación de hostaleiros supón un esforzo moi serio organizar estas xornadas, tendo en conta como está a situación económica. Pero consideramos que é importante manter esta convocatoria para estimular a actividade no sector e intentar atraer máis visitantes.

-¿Xa escolleron un padriño para presentar as xornadas?

-Si, esta vez contaremos co actor Roberto Vilar, antigo integrante do dúo humorístico Os Tonechos. A presentación do Estase Cocendo será no Centro do Viño da Ribeira Sacra o 4 de febreiro ás seis e media da tarde. Será un acto aberto e poderán asistir todas as persoas que o desexen.

-Parece que vai haber algunha coordinación cos mercados temáticos da praza de abastos de Monforte.

-Para os días 9 e 10 está previsto un mercado de produtos relacionados co cocido. Durante eses dous días, trece establecementos que participan na campaña prepararán menús a base de cocido que se ofrecerán aos clientes sen necesidade de facer reservas. Durante o resto do mes si será preciso reservar, porque nos pareceu que nas circunstancias actuais o máis prudente era tomar esta medida. Na campaña tamén participan hoteis e casas de turismo rural que durante o mes próximo ofrecerán prezos especiais. E tamén hai pubs que organizarán festas e concursos nas fins de semana.

beatriz vila representante da asociación provincial de hostalería