Memoria dos curtidoiros do Asma

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Un estudo rescata a historia dunha industria tradicional de Chantada

10 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A principios do presente século foron demolidas dúas das tres antigas fábricas de curtidos que se conservaban en Chantada, cuxa actividade -como as de case todas as industrias galegas do sector- cesara entre finais dos anos 50 e principios do 60. A historia desta vella actividade industrial foi reconstruída polo investigador chantadino Claudio Otero nun traballo titulado A industria do coiro na provincia de Lugo. O caso de Chantada, co que rematou un máster na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago. Este estudo é o primeiro que analiza a historia da industria dos curtidos en toda a provincia.

A investigación realizada por Otero abarca principalmente o período histórico situado entre os séculos XVIII e XX, pero recorda que a tradición local dos curtidos vén xa da Idade Media, cando o mosteiro de San Salvador do Asma fabricaba os seus propios pergameos para escribir. En 1752, cando se elaborou o Catastro de Ensenada, a vila tiña setenta vivendas e contaba con dezasete zapateiros, moitos dos cales eran tamén curtidores.

O estudo resalta o feito de que no século XIX Chantada figurou entre os principais centros galegos de produción de coiros, xunto con Santiago, Noia e Allariz. Esta actividade continuou na centuria seguinte e tivo un notable peso económico. As fábricas chantadinas -situadas moi cerca unhas das outras, nas marxes do Asma- empregaban a poucos operarios, pero estes traballaban a tempo completo e durante todo o ano, o que non sucedía noutras industrias tradicionais, como a salgazón.

Como no resto de Galicia, os curtidoiros chantadinos decaeron fronte á forte competencia das industrias modernas do sector, principalmente de Cataluña. Nos anos trinta xa estaban seriamente afectadas, pero a Guerra Civil e as condicións económicas da posguerra prolongaron a súa vida outras dúas décadas.