A asociación Os Lactouros iniciará o luns a 34 edición das súas xornadas micolóxicas

monforte / la voz

LEMOS

27 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación monfortina Os Lactouros abrirá o luns a edición número 34 das súas xornadas de micoloxía, que se desensolverán ata o sábado. Para o primeiro día, a única actividade prevista é un aperitivo que se ofrecerá na Casa de Cultura ás oito da tarde. O martes haberá unha saída ao campo para buscar setas -as 15.30 horas- e a apertura dunha exposición de setas no mencionado local, ás oito da tarde.

Para o mércores está prevista unha nova saída ao campo á mesma hora que o día anterior e unha conferencia sobre os usos medicinais dos fungos que será ofrecida por Julián Alonso, doutor en bioloxía, licenciado en veterinaria e membro da asociación micolóxica lucense Lucus. A charla será ás oito da tarde na Casa de Cultura.

Máis actividades

O xoves haberá unha nova excursión micolóxica, neste caso ás tres da tarde. O venres, a saída será outra vez ás 15.30 e ás oito haberá unha conferencia sobre as setas cantareláceas de Galicia a cargo do enxeñeiro agrónomo José Bernardo de Dios Blanco. Ás dez da noite haberá no restaurante Los Goya unha degustación de setas para os socios. O sábado -ás 18 horas, na Casa de Cultura- haberá un concurso de cestos de setas comestibles.