Xosé Lois Foxo recolle nun libro a música popular de Quiroga

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

11 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Quiroga ten previsto editar para o primeiro semestre do ano próximo un libro-disco que reunirá os cantares e melodías populares recollidos durante os últimos cinco anos en diversas localidades do municipio polo músico Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense. A obra titularase probablemente Cancioneiro das montañas do Lor e o val de Quiroga e está agora en fase de preparación. «O labor de recollida xa está terminado pero aínda hai que ordenar ben os materiais, que son moitos, porque neste tempo recopilei en torno a oitocentas melodías», explica Foxo.

No traballo de recollida, Foxo contou coa colaboración de cerca de douscentos veciños do municipio, na súa maioría de idade avanzada. Na busca quedaron excluídas as localidades situadas na zona norte do municipio -como A Seara-, que desde o punto de vista xeográfico forman parte da Serra do Courel, un territorio do que Foxo xa se ocupara en traballos anteriores. En cambio, a publicación incluirá materiais recollidos nalgúns lugares do veciño municipio de Ribas do Sil, que tamén pertencen xeograficamente ao val de Quiroga. Todos estes territorios, segundo explica Foxo, forman unha unidade cultural con outras zonas das montañas orientais galegas e coas áreas occidentais da comarca leonesa do Bierzo, o que significa que as súas manifestacións musicais son parecidas.

Unha riqueza notable

Foxo destaca por outro lado a notable riqueza e variedade musical das terras quiroguesas, onde a memoria popular conserva xéneros moi diversos: «En sitios como Margaride, os veciños recordan moitos vellos cantares de seitura, e noutros lugares como Bendollo ou A Ermida consérvanse cantos de tipo litúrxico relacionados coas festividades relixiosas». Entre os materiais recollidos hai melodías relacionadas co peculiar desfile das pampórnigas da romaría dos Remedios da Ermida.

O músico espera que xunto co libro poidan editarse catro discos e un deuvedé que recollerían unha ampla selección destas pezas. A obra incluirá ademais numerosas fotografías antigas, xa que o labor de recollida comprendeu tamén moitos documentos gráficos.