A voceira do Partido Popular na corporación de Monforte considera que a negativa de BNG e PSOE a votar a favor da moción que instaba á Deputación a aclarar xa se aumentará o financiamento dos servizos sociais do Concello demostra que estas dúas forzas políticas non teñen interese real por solucionar o problema. Julia Rodríguez convida ao alcalde, Severino Rodríguez, a «informar a usuarios e traballadores da súa total deixadez por coñecer os plans do ente provincial».
A moción, rexeitada cos votos de nacionalistas e socialistas, pedíalle ao Concello que instase á Deputación a coordinarse coa Xunta e a poñer os cartos precisos para asegurar que se poida manter o actual nivel de prestación e de emprego do servizo municipal de axuda básica no fogar. En segundo lugar, a moción do PP propoñía dirixirse tamén á Deputación para pedirlle que asine canto antes o plan de emprego por valor de 1,2 millóns de euros que lle ofrece a Xunta para contratar a persoas desempregadas.
O PP insiste en culpar á deputación da incerteza na que están os usuarios e traballadores do servicio de axuda a domicilio ante a rebaixa dos fondos públicos que sostiñan esta prestación.