A asociación O Colado do Vento dedica un novo libro ás tradicións orais de Sober

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

01 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación cultural O Colado do Vento acaba de editar -coa axuda da Deputación- o libro Un pouquiño de tradición oral no Concello do Sober, a terceira publicación que o colectivo dedica a esta parcela da cultura popular da zona. O novo volume segue a mesma liña que os anteriores e reúne materiais recollidos por membros da asociación entre os veciños do municipio durante as dúas últimas décadas.

A obra presta atención a todos os aspectos da tradición oral e recolle narracións e lendas, ritos e crenzas, cantigas, refráns e expresións tradicionais, notas sobre toponimia e semblanzas de personaxes populares. Unha boa parte do libro está dedicada ás lendas que teñen por escenario a ribeira do Sil, ubicadas en paraxes características como o penedo do Ciriguilloto do Demo, a Pena do Cabalo, a Pena do Castelo, o miradoiro da Cividade ou a desembocadura do arroio de Xabrega.

Os autores do traballo sinalan que os materiais foron reproducidos tan fielmente como foi posible, polo que a linguaxe empregada nos textos non se axusta moitas veces á normativa oficial do galego. Varias cantigas recollidas no libro están en castelán, xa que -como é o caso das coplas de cegos- en certos casos proceden de fóra de Galicia. As letras dalgúns cantares, por outro lado, están acompañados da correspondente notación musical.

Nas últimas páxinas do libro consígnanse os nomes de todos os veciños que transmitiron os relatos, cantigas e ditos reunidos na obra, mencionando o lugar e a data en que foi recollido cada un destes materiais. As notas sobre toponimia utilizan datos tomados dos chamados libros de fábrica de varias igrexas do municipio.