A Asociación Vecinal do Saviñao denunciou á Confederación Hidrográfica del Miño-Sil o estado de «turbidez e opacidade» que segundo este colectivo presenta a auga da traída municipal desde principios de mes, pedíndolle ao mesmo tempo que analice a súa salubridade e investigue «a orixe desta anomalía».
Os representantes da asociación aseguran ter recibido queixas veciñais pola calidade de auga de consumo doméstico, que ao seu xuízo sae «escura e negruzca». Os cursos de auga onde se fai a captación -engaden- tamén presentan un aspecto anómalo. Mencionan concretamente o punto de captación do río Sardiñeira en Eirexafeita, onde o caudal «vai totalmente opaco con tonalidade negruzca que impide ver o leito empedrado aínda en puntos onde non hai máis que trinta centímetros de profundidade». A asociación sinala que o río presenta un aspecto similar augas arriba, na Veiga, mentres que no río Portiño, afluente do Sardiñeira, o caudal «flúe totalmente negro».
Negativa do alcalde
Pola súa parte, o alcalde Joaquín González nega que a auga presente unha cor anormal nas billas e di que as análises non detectaron ningunha anomalía que aconselle cortar o consumo ou tomar calquera outra medida de seguridade. «É certo que o río está un pouco escuro, pero iso é normal no verán, cando o caudal vai máis baixo -afirma-, e non significa que haxa algún problema de salubridade».