A arte das tecedeiras tradicionais renace en Quiroga

Estudan dar continuidade ao primeiro curso de tecelaxe impartido no sur lucense

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

A concellería de Cultura de Quiroga estuda a posibilidade de continuar o ano próximo o curso de tecelaxe tradicional que se veu impartindo no museo etnográfico desde maio e que será clausurado mañá. Nas clases participaron dezasete veciñas dos municipios de Quiroga, Ribas do Sil e Monforte que se mostraron interesadas en ampliar os seus coñecementos a fin de dominar mellor a técnica do tear tradicional.

A iniciativa tiña por obxectivo impedir a desaparición total da tradición téxtil da comarca, que hoxe só conservan unhas poucas persoas e que, en opinión dos responsables municipais, podería supor unha interesante alternativa laboral e económica. Cando se convocou o curso, púxose como condición para impartilo que houbese ao menos dez alumnos matriculados. «Pensábamos que como moito se poderían apuntar quince persoas, pero ao final incluso se superou este número», explican desde o Concello.

As clases tiveron unha duración total de corenta horas e foron impartidas por Carmen Barreiro e Manuela Souto, dúas veciñas do municipio que coñecen as vellas técnicas de tecido e fiado. Aínda que as alumnas adquiriron unha importante base, o curso non foi suficiente para aprender a fondo estas técnicas. «En corenta horas pódese aprender a tecer ou a fiar, pero non a urdir, que é a parte máis complexa do proceso -sinalan os promotores do curso- e de feito, durante este tempo só se fixo unha sesión de urdidura». Mentres durou o curso, as alumnas limitáronse a elaborar alfombriñas e outras pezas de pequeno tamaño porque «se se puxesen a facer algo máis grande e complicado, como unha colcha, consumirían todo o curso nese traballo», engaden.

Reforzar coñecementos

Por este motivo, as alumnas pediron que o curso teña unha segunda parte que lles permita reforzar os coñecementos adquiridos. As profesoras están dispostas a seguir transmitindo os seus saberes, pero en todo caso -se o Concello decide dar continuidade a esta experiencia- o segundo curso non se impartiría durante a temporada de outono e inverno. «Habería que deixalo para o ano que vén e sería interesante comezar un pouco antes para que non entre tanto no verán», agregan desde a concellería de Cultura.

O curso que remata mañá é o primeiro intento que se leva a cabo en todo o sur lucense para asegurar a continuidade das técnicas da artesanía téxtil tradicional, que está praticamente á beira da extinción nestas comarcas. Na actualidade non queda en toda a zona ningunha tecedeira en activo.

Más información

 

A artesá Carmen Barreiro ensinando o manexo do tear. alberto lópez