Encarna Lago, xestora da Rede Museística Provincial, presentará hoxe no Pazo de Tor -ás 19 horas- a revista oral A voz dos Lemavos, unha actividade que se levará a cabo no museo monfortino de forma anual. Lago mostra especial interese en que as instalacións do pazo se utilicen para actividades culturais e educativas, un aspecto no que ao seu xuízo habería que avanzar moito máis.
-¿Que resposta están tendo as actividades culturais que se organizan en Tor?
-Por agora é bastante limitada, aínda que temos un grupo importante de persoas que veñen praticamente a todas. A Deputación está facendo un esforzo importante para que no pazo haxa actividades de forma continuada, para que non sexa só un museo senón tamén un centro de actividades culturais. Queremos que ademais de atraer turistas, teña tamén unha función social e sirva para aglutinar e divulgar a actividade cultural destas comarcas. Pero vese que aínda non hai un hábito arraigado de vir a este sitio.
-¿A novas instalacións do pazo axudarán a incrementar estas actividades?
-Esperamos que si. Agora contamos cunha aula preparada especialmente para estas actividades, onde presentaremos hoxe A Voz dos lemavos, e que pode servir para todo de convocatorias: presentacións de libros, recitais de música, coloquios, actividades extraescolares... Hai que precisar que estes locais están abertos a toda a xente que queira utilizalos para difundir as súas actividades. E non só de Monforte, senón de todo o sur da provincia.
-¿E como anda de visitantes o museo?
-Nese aspecto as cousas van moito mellor, porque temos cada vez máis visitantes e de procedencias máis diversas. Hai meses en que o número de visitantes chega a superar nun 300% ao do mesmo período do ano anterior. Hai que puntualizar que ata tempos recentes este sitio era pouco coñecido como destino museístico e tiña moi poucos visitantes, polo que non é tan raro que se produzan estes incrementos. Pero, por exemplo, o mes pasado rexistramos 498 visitantes, un número importante para tratarse desta época do ano.
-¿De onde proceden?
-En grande parte veñen doutros provincias galegas, sobre todo de Pontevedra e A Coruña. Tamén hai moitos visitantes doutras comunidades, como Asturias, Castela e León, País Vasco, Cataluña, Madrid, Valencia... E hai un número significativo de visitantes estranxeiros, de sitios tan dispares como Italia, Bélxica ou Arxentina. O mes pasado tivemos cerca de trinta visitas de estranxeiros, por exemplo. Un detalle importante é que estes visitantes non veñen normalmente en grupos organizados ou con axencias de viaxes, senón que viaxan de forma individual, o que significa que se enteiraron pola súa conta da existencia deste museo. Tamén notamos que moita xente que visita o pazo por primeira vez volve máis tarde e a miúdo traendo con eles máis visitantes.
encarna lago xestora museística