Os últimos teares da montaña

carlos rueda / francisco albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

CARLOS RUEDA

Parada de Montes conserva importantes rastros dunha longa tradición téxtil

02 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

No sur lucense son cada vez menos os vestixios que quedan da tradición téxtil artesanal, que ata hai varias décadas tivo unha grande importancia nas zonas rurais, sobre todo nas de montaña, onde a elaboración de prendas de liño era unha actividade habitual. Na Serra do Courel e nas áreas limítrofes non era raro contar con varios teares en cada aldea. Pero esta tradición decaeu rapidamente a mediados do século pasado ante a competencia dos tecidos industriais, máis baratos e habitualmente de peor calidade.

As terras reservadas para a plantación do liño -os liñares, que deixaron numerosas pegadas na toponimia-, foron abandonadas ou reutilizadas para o cultivo de produtos hortofrutícolas de autoconsumo. Ao mesmo tempo, os teares eran desarmados, queimados ou esquecidos nos faiados. Na actualidade quedan xa moi poucas tecedeiras que recorden as técnicas tradicionais de elaboración do liño e tamén son contados os teares que aínda conservan todas as súas pezas en bon estado.

Unha destas escasas excepcións está na chamada casa de Paradiñeiro, unha vivenda particular da localidade de Parada de Montes, no municipio da Pobra do Brollón. Os donos gardan un vello tear construído en 1910 por un carpinteiro do Mazo de Santigoso, chamado Juan. A propietaria do aparello era Germana Paradiñeiro, quen traballou como tecedeira durante máis de medio século ata que tivo que deixar o oficio por problemas de saúde, segundo explica o seu sobriño José Antonio, actual propietario da casa.

Fabricado na propia casa

O tear foi construído na mesma estancia onde segue instalado hoxe, ao cabo de máis dun século. O carpinteiro tivo que utilizar como obradoiro este mesmo local, onde foi cortando e modelando as diferentes pezas de madeira de castiñeiro.

O aparello empregouse para fabricar prendas de liño de diferentes tipos -lenzo fino e lenzo groso- e tamén de la de ovella. A calidade da tea, sinala José Antonio, dependía da destreza tanto de quen tecía como de quen fiaba o liño ou a la. Á hora de tecer -engade- o segredo estaba en apertar ben o pente ou peite, unha peza cunha serie de pugas entre as que pasaban os fíos da urdidura. «Había que dar golpes no tear, é dicir, que soase ben a música», apunta o sobriño da tecedeira.

Neste tear, Germana facía todo tipo de tecidos e prendas de vestir, tanto para a súa familia como por encargo: colchas, mandís, camisas de liño, sabas máis ou menos finas de la ou de liño... Cando se mesturaba o liño coa la na confección de sabas, estas recibían o nome de burdas, xa que o resultado era un tecido basto e pouco fino, ademais de moi pesado. Cando a actividade comezou a decaer, o primero que se deixou de facer no tear foron as camisas de liño. José Antonio lembra ter visto unha que tiña ata os botóns feitos de fío de liño.

Quen se servía habitualmente do tear era Germana, pero o aparello tamén foi utilizado ás veces por outras veciñas. Unha delas era María Gallego, que durante un tempo se encargou de preparar as urdiduras. O oficio, que nesta parte de Galicia era exclusivo das mulleres, resultaba duro e con frecuencia extenuante. Segundo recorda o seu sobriño, Germana chegou en certa ocasión a ter moitos encargos ao mesmo tempo nunha época que foi coincidir coa Coresma, que ela quixo observar rigorosamente facendo o xaxún completo aínda que non paraba de traballar. «Golpeando no tear mañá e tarde e sen poder comer, caeu enferma e a pouco máis entre o tear e a relixión case que a levan á sepultura», comenta José Antonio.

Sementeira da liñaza

Se o traballo da tecedeira era fatigoso, non o eran menos os labores para a obtención do liño. En Parada de Montes cultivábase en varios lugares que se chamaban tradicionalmente liñares. Cada casa tiña reservados os seus terreos -normalmente os de mellor calidade- para esta función. A de Paradiñeiro tiña dúas fincas, coñecidas por Liñar de Pereiro Golado e Liñar de Fondo de Agra.

Primeiro había que preparar a terra con varias aradas, xa que se ficaba sen remover algunha pedra ou torrón o liño non brotaba. A sementeira facíase a finais de abril procurando que fose o máis espesa posible para evitar que saísen herbas polo medio. O crecemento era rápido. Na localidade recordan un dito popular: «Un día pelexaron o millo e a liñaza (semente do liño) e díxolle o millo á liñaza: ?Cala, pizparrela, que aos tres días saes por enriba da terra?. A liñaza contestoulle: ?Cala ti, millarrón, que botas oito días debaixo do torrón?». Se era preciso, as mulleres ían despois a arrancar as malas herbas unha por unha.