Historias de pesca furtiva e ríos que fervían de peixes

Dous veteranos pescadores de Belesar recordan a época na que no Miño abundaban a pesca e as artes ilegais

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Unha sonora interxección de abundancia. Esa é a resposta sempre que se lle pregunta aos pescadores máis veteranos pola fauna piscícola en tempos de máis abundancia que estes. Eran tempos nos que os peixes «fervían» nas augas do Miño, e nos outros ríos e regatos tributarios. Incluso cos encoros xa construídos, nada tiña que ver aquilo coa escaseza de agora nas terras de ribeira das comarcas de Chantada e de Lemos.

Daquela chegábanse a sacar máis de cen quilos de anguías nunha soa noite. podíase botar un trallo para enchelo en pouco tempo de bogas de ata tres cuartos de quilo. Hoxe as bogas están en recesión, desprazadas ou devoradas pola perca negra (Micropterus salmoides) ou black bass, un recente intruso que os pescadores de ribeira seguen sen saber como acabou aquí. Pero é que ademais xa levan tampo extinguidas a lamprea (Petromiyzom marinus), o salmón (Salmo salar) e o cangrexo europeo (Austropotamobius pallipes).

José Taboada López, de 87 anos, e Manuel Lorenzo Nóvoa, de 59, son testemuñas daqueles tempos. Os dous viven en Belesar, e teñen as súas casas unha fronte da outra, cada un nunha beira do Miño, José na do Saviñao e Manuel na de Chantada. Estes dous pescadores lembran os tempos nos que ir a pesca non era precisamente un pasatempo e nos que se utilizaban todo tipo de artes, físicas ou químicas, para facerse co pescado. Non había vedas, así que, sempre que se empregase unicamente a cana, os pescadores non cometían ningunha ilegalidade.

«Agora xa non ten nada que ver, pero se fose daquela, un día como hoxe tiñan que estar os peixes en bandadas pola cima da auga», explica Manuel. Efectivamente, hai moito que xa non se ve tal cousa. «¿Como se van ver os peixes, se non os hai?», afirma. Este pescador recorda aquela abundancia cando era novo, hai trinta ou corenta anos, incluso despois da construción dos encoros no Miño.

José Taboada, coñecido tamén como Pepe do Maestro ou Paradela de Belesar, é máis veterano. Camiño dos 90 anos, lembra ver machear as troitas, cando moitas femias se poñían unha canda outra fronte a unha cascada para que o macho as fecundase. «Unha vez collín unha de sete quilos e medio á cucharilla», conta cun sorriso. Ao contrario de Manuel, José si pode falar da época na que se pescaban lampreas nestre tramo do Miño, porque aquilo acabouse cos encoros. «Criaban aquí nos areais -lembra-, sacabas unha pouca area cun rodo e víanse mover». José pasou moitas noites nos caneiros: «En Belesar había oito ou dez e nós tiñamos un fronte ao regato de Camporramiro no que se collían troitas e lampreas».

Estes dous pescadores coñecen todas as trampas correntes naquela época, erradicadas hai tempo por ilegais. Habíaas artesás e ao alcance de calquera, como a prática de esmagar raíz de torvisco ou cáscaras verdes das noces para botalas nun regato para matar troitas e anguías.

Outras precisaban máis preparación e máis medios, incluso os que proporcionaba o contrabando. Os dous lembran o que os pescadores daquela época coñecían como coca. Tiña apariencia de graos de café. Había que esmagalos e despois mesturalos con cabichas, miñocas, pan vello ou pementa picante. José descubriu con sorpresa esta técnica un día que pescaba á sombra un pouco máis abaixo da igrexa e viu como os peixes deixaban a auga pola terra. Outro pescador que andaba por alí, un tal Ramiro, preguntoulle disimulando se picaban. «Eu contesteille que estaban tolos». Pouco despois contáronlle que o tal Ramiro botara no río aquela mestura de coca e outros produtos. «Poñía loucos os peixes e botábaos ao seco», recorda.

Nin José nin Manuel se extralimitaron nas artes prohibidas de pesca, como os que usaban lixivia ou cloruro concentrado nunha sustancia sólida branquecina en pedra ou en pó. Aquilo tinguía os ríos de branco e mataba toda a fauna acuícola. Os dous viviron tamén os tempos das explosións, aínda que ningún deles usou nunca dinamita nin bombas das festas para pescar. Pero si as teñen oído estoupar.

Ao máis puro estilo do oeste americano, colocábase un pistón ou detonador dentro do cartucho. Despois poñíase unha mecha curta no pistón, apretábase cos dentes para doblar o metal e amarrala ben, e logo dende unha rocha da beira ou dende as polas dun ameneiro sobre o río, controlábase a troita, o salmón ou o banco de peixe. Só quedaba encender a mecha e calcular un tempo para que non se chegase a mollar moito.

Era unha tarefa perigosa na que máis de un, en vez de levar os peixes á man, acabábanlle dando a man aos peixes. Eles saben de varias persoas que quedaron sen unha man ou sen dedos por culpa dos explosivos. «Un do Matías, o Cachorro, un de Nogueira e algún máis», comenta José. Os cartuchos máis potentes, eran os da dinamita que os furtivos chamaban rubia, pola súa cor. Mercábanse no polvorín de Chantada ou na popular tenda do Moncho da Visita, nesta mesma localidade.

A pesca con explosivos tiña riscos obvios para a integridade física de quen prendía os cartuchos, pero tamén era fácil perder unha parte da pesca. «Un 15 de agosto -recorda Manuel- andaba unha troita grande coa aleta fóra da auga, tocada por unha explosión, e non tardou en marchar ao fondo morrendo, pero o meu irmán, que sabía mergullar ben, botouse, colleuna e deulla ao que tirou o cartucho». Aquela troita pesou «dezaoito libras galegas [10,3 quilos]» e o seu irmán e máis el gañaron un convite nunha festa.

Tamén era común o uso como explosivo de carburo de calcio, o combustible co que ardían os candís, nos que se mestura con auga en pequenas doses para producir gas acetileno. Cando esta mestura é desbordada nun recipiente pechado, provoca unha potente explosión. Os furtivos facíano cunha botella vella de gasosa, das que tiñan una boliña de cristal, á que lle ataban unha pedra pesada para mandala ao fondo do río. Cando a auga entraba na botella, estoupaba e a onda expansiva acabana con todo nun radio máis ou menos amplo.