No monte Camilo, na parroquia soberina de Bolmente, aínda son ben patentes as pegadas dun incendio forestal que durante dous días queimou unhas 180 hectáreas de terreo en agosto do 2010. O lume prendeu nunha plantación de piñeiros próxima ao embarcadoiro dos Chancís e propagouse por boa parte da ribeira do Sil. A pesar do tempo transcurrido e aínda que a vexetación comeza a recuperarse pouco a pouco, na zona pode verse unha grande cantidade de arbustos e ramas carbonizadas.
A Consellería de Medio Rural contratou no seu momento os servizos dunha empresa privada para cortar as árbores queimadas no incendio, cuxos tocóns son visibles en numerosos en numerosos lugares. Sen embargo, aínda seguen sen recoller os restos de madeira de menor tamaño, que permenecen espallados por unha extensa zona.
O incendio, por outro lado, fixo que quedase ao descuberto un conxunto de socalcos ou terrazas vitícolas que estaban tapadas pola vexetación desde había décadas nunha zona coñecida tradicionalmente como Rega de Ardán. As muras teñen unha anchura de cerca de trinta metros e encóntranse nunha zona particularmente abrupta do canón do Sil á que só se pode acceder en todoterreo a través de varias pistas forestais. Por debaixo das terrazas poden verse tamén os restos dunha construcción de planta cadrada que posiblemente serviu tamén para usos vitícolas, talvez para gardar ferramentas.
Tránsito difícil
Para saber se a edificación foi utilizada como lagar ou adega sería preciso facer un exame detallado que non é fácil levar a cabo, xa que transitar por estas paraxes resulta bastante complicado. Aínda que o incendio arrasou grande parte da maleza, a vexetación queimada ou seca segue dificultando o paso en moitos lugares. Por outra parte, as terrazas encóntranse nunha pendente moi empinada e o chan está cuberto de rochas e pedras soltas de todos os tamaños. Non hai dúbida de que construír os socalcos e cultivar as viñas nunha zona como esta requeriu un traballo máis que considerable.