Catedrais calizas do Courel modeladas polos vellos glaciares

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

CIENCIA

CEDIDA

Unha publicación divulga o valor científico das grutas cársticas da serra

04 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde hai algún tempo está dispoñible en Internet As grandes covas do Courel, un traballo editado polo club espeleolóxico Maúxo e o Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña, que se basea en traballos de campo realizados entre os anos 2004 e 2009 para explicar dunha forma sinxela o proceso de formación das cavidades calizas da serra. A publicación recolle imaxes que reflicten a espectacularidade dunhas paisaxes subterráneas que só poden ser visitadas por contadas persoas e con toda clase de precaucións, xa que non son aptas para percorridos turísticos ou didácticos.

O director do referido instituto universitario, Juan Ramón Vidal Romanía, sinala que ao divulgar información sobre estes espazos naturais -de enorme valor para a investigación científica- é preciso facer fincapé na súa perigosidade para non incitar a ninguén a cometer a imprudencia de adentrarse nas cavernas por mera curiosidade e sen contar coa preparación e os equipos adecuados. O xeólogo insiste en que as grutas que aparecen na publicación non só son de difícil acceso, senón que ademais a maioría delas presentan un risco considerable incluso para os espeleólogos máis experimentados. «Nestas cavidades hai unha actividade xeolóxica intensa, o que significa que hai procesos erosivos en marcha e que o risco de derrubamentos de rochas é moi grande», explica. A cova de Pena Paleira, nos arredores de Parada de Moreda, é considerada polo xeólogo como un lugar especialmente perigoso. «Nas dúas veces que entramos alí cando se preparaba este traballo se produciron desprendementos», sinala.

Produto do glaciarismo

A publicación céntrase especialmente nas covas situadas na cota glaciar, é dicir, nas zonas altas da serra onde existiron glaciares durante o Pleistoceno. Estas grutas cársticas, de feito, foron creadas orixinalemente polas augas que fluíron en enormes cantidades polas montañas cando se derreteron aquelas masas de xeo.

O traballo describe mediante unha ampla serie de fotografías e gráficos os procesos xeolóxicos que modelan estas cavidades desde hai decenas de millares de anos. Nas covas do Courel poden identificarse formacións de moi diferentes tipos que foron producidas pola corrosión e a disolución da rocha caliza, a forza erosiva das correntes e das lagoas subterráneas, as pingueiras que caen polos teitos e paredes e a lenta deposición de materiais detríticos.