O Instituto Parga Pondal acaba de enviar a Estados Unidos os fragmentos dunha estalagmita que recolleu recentemente na cova de Arcoia coa fin de levar a cabo unha nova reconstrución do clima prehistórico de Galicia. O material será analizado nun laboratorio da universidade do estado de Xeorxia que está especializado neste tipo de investigacións. Os científicos cren que existe a posibilidade de obter datos climáticos de ata 100.000 anos de antigüidade e saber cales eran as condicións ambientais concretas que se daban na Serra do Courel cando estaba cuberta en boa parte polos glaciares.
A técnica baséase na análise dos minerais radiactivos e dos isótopos de carbono e osíxeno que quedan atrapados nas estalagmitas durante a súa formación e que poden reflectir as condicións de temperatura e humidade que reinaban na zona nunha época determinada do pasado. A primeira experiencia desta clase que levou a cabo o instituto -tamén con estalagmitas de Arcoia- permitiu obter unha secuencia climática dos últimos 14.000 anos. O resultado desta investigación deuse a coñecer en marzo do pasado ano. No estudo que se realiza actualmente utilízase unha estalagmita de maiores dimensións, polo que se su supón que contén pegadas de épocas moi anteriores.
Formación da Lucenza
A primeira reconstrución climática -segundo explica Vidal Romaní- permitiu chegar ao período en que comezou a formarse a lagoa de Lucenza, cuxa aparición se debeu ao intenso proceso erosivo orixinado pola fusión das grandes masas de xeo. «Nesa época os glaciares xa non existían, pero agora pretendemos ir máis atrás no tempo e ver con máis precisión cando foi a última vez que houbo glaciares no Courel, antes de que o xeo comezase a fundirse», engade o xeólogo.
Para coñecer os resultados das análisis haberá que esperar varios meses, pero antes será preciso comprobar se a estalagmita empregada neste estudo é apropiada para esta investigación. «O que hai que facer en primeiro lugar é datar as mostras que tomamos na parte máis vella da estalagmita, é dicir, na súa base, o que nos indicará a máxima antigüidade que poden alcanzar estas análises», comenta Vidal.