Curador de pezoñas, imprescindible a fe

La Voz

LEMOS

19 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Insiste en que non é a sua especialidade, pero Manuel sostén que pode curar as pezoñas. E ademais pola forma sabe que animal a produciu, sexa araña, pinta, sapo, alacrán, donicela, víbora ou cobra; xa que moitas veces a xente chega sen saber a que lle tocou ou que lle mordeu.

En asunstos de venenos, cada curandeiro ten o seu elemento de curación. Manuel e María Dolores usan o aceiro, por crenza, como din eles por crenza. E explica o modo de proceder cun exemplo dunha ponzoña de araña nun antebrazo. O conxuro non o quere dicir por ser simulado e finxe cortes cun coitelo a modo de círculo que pecha o lugar ponzoñento, pasando o filo como se fosen cinco ou seis cortes perpendiculares ao longo do antebrazo.

As pintas. Para nada falar da demostrada inofensividade destes animais con Manuel. Como dí a súa dona, a pinta ten unha pezoña tan mala que come a carne ata deixar o óso á vista, tendo que actuar con rapidez nestes casos, indiscutible é para este matrimonio a marca desta pezoña que eles, segundo contan, saben recoñecer pola hinchazón e a aparición da forma do anfibio no lugar do corpo onde se tivo contacto con el, incluídos os ollos. Cando isto sucede o xeito de curar o mal e tapalo cunha troita do río da mañá á noite, cambiando o peixe se é necesario, pois din que a pezoña da pinta vai consumindo a troita, esta átase a zona afectada con certa presión, e se o contacto foi nun dedo como ocorre a maioría das veces non fará falla atala, sinxelamente con meter o dedo por un burato que se lle fai na barriga o quitarlle as vísceras é suficiente. Así curou unha vez, asegura, a unha muller do lugar da Lama de Fente.

Víboras. Son moitos os casos de mordeduras de víboras nos ubres e nos fuciños das vacas. Neste caso é o Saramago a herba salvadora que acompañado nun tamiz de vinagre, cebola e sal, frotará no lugar da trabadura.

Sapos. Un día apareceulle unha muller de Monterroso cos pés moi hinchados e despois dun ano de visitas a médicos. «Vostede non ten máis que a pezoña dun sapo», díxolle o menciñeiro. Logo curouna, asegura el mesmo, cunha sesión de nove bendicións.