Unha figura con posibles raíces precristiás e con parentes no País Vasco e Cantabria

La Voz

LEMOS

03 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A figura do Apalpador, pouco estudada ata hoxe polos investigadores do folclore galego, parece presentar moita similitude con outros personaxes tradicionais das festas do Nadal do norte da Península, como o coñecido Olentzero do País Vasco e o Esteru, presente nas lendas de Cantabria e da zona oriental de Asturias. Estes personaxes son, respectivamente, un carboeiro e un leñador que viven habitualmente no monte e levan agasallos aos nenos ao finalizar o ano.

As orixes destas tradicións están pouco claras, pero a maioría dos investigadores coinciden en relacionalas coas antigas festividades agrarias do solsticio de inverno. Segundo este criterio, estes personaxes serían supervivencias de crenzas relixiosas anteriores á implantación do cristianismo e virían a simbolizar o renacemento anual do sol e do seu poder benéfico sobre o mundo natural e a sociedade humana. No seu estudo sobre o Apalpador, José André López opina que este personaxe é «anunciador da fartura, da protección, da alianza coa boa fortuna». Tradicións similares, segundo cren moitos expertos, deron orixe a outros personaxes típicos do Nadal divulgados por toda Europa, como San Nicolao ou Papá Noel.

A diferenza destas figuras ou do Olentzero -un personaxe ben implantando na moderna cultura urbana do País Vasco-, o mito do Apalpador ficou circunscrito a algunhas poboacións da montaña lucense, onde só o recordan hoxe algunhas persoas.