Na Pisa da Castaña de Froxán presentaranse libros de Xesús Manuel Marcos e Jesús Parada


A novena edición da Festa da Pisa da Castaña que se celebrará o próximo día 8 na localidade de Froxán un acto de presentación dos libros Lúa dos Everglades e Usos, costumes e cousas do Courel , dos escritores courelaos Xesús Manuel Marcos e Jesús Alfonso Parada Jato, respectivamente. Este acto celebrarase ás dúas da tarde, depois dun pregón que pronunciará a coñecida actriz Mabel Rivera ás 13.30 horas.

A demostración etnográfica que constitúe o núcleo deste festexo comezará sobre as 11.30 horas. Nese momento acenderase o lume nun sequeiro da aldea e explicarase aos visitantes o sistema tradicional de preparación das castañas. Unha hora máis tarde comenzará a sesión de pisado e abandoxado das castañas secas segundo o método tradicional da zona, consistente en golpear o froito contra un cepo de madeira e en sacudilo cunha bandexa denominada bandoxo, a fin de desprendelo da casca. Como é habitual, os visitantes poderán tomar parte na recreación deste labor.

Sobre as dúas e media da tarde comezará -baixo unha carpa instalada na aldea- un xantar popular a base de castañas secas cocidas, produtos típicos derivados do porco e postres elaborados con castañas. A asociación Fonte do Milagre, organizadora do festexo, ofrecerá trescentas racións aínda que é previsible que o número de visitantes sexa considerablemente máis elevado. «Nos últimos anos está vindo a esta festa bastante xente de fóra, incluso de Madrid, pero nós non podemos asumir o traballo que suporía preparar comida para cincocentas ou máis persoas», comenta a este respecto Evaristo Méndez, presidente da asociación. Ao longo da xornada, por outro lado, haberá en Froxán diversas actuacións musicais e folclóricas.

Votación
1 votos