Comeza unha nova colleita de ferramentas paleolíticas

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

En directo | Investigación arqueolóxica O equipo que estuda os xacementos prehistóricos do Val de Lemos xa localizou varias pezas en diversos puntos de Monforte e Sober nas súas primeiras prospeccións

14 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? segunda campaña de investigación dos xacementos paleolíticos do sur lucense, iniciada o día 12, xa está a dar os primeiros resultados. En senllas prospeccións realizadas entre o venres e o sábado, o equipo científico que se encarga dos traballos de campo localizou cerca dunha ducia de artefactos prehistóricos en tres puntos diferentes, situados na parroquia monfortina de Gullade e no sur do municipio de Sober. Á espera dun exame máis detallado, non é fácil adscribir estas pezas a un tipo determinado de industria lítica ou a un período cronolóxico concreto. Un dos artefactos -achado en Gullade- é un pequeno bifaz ou machado de pedra. Os demais obxectos son do tipo coñecido como lasca retocada. En ambos casos, os tipos de útiles parecen similares aos que se encontraron previamente na zona. Por agora, a principal novidade é que estes achados se produciron en tres puntos non inspeccionados ata agora polos arqueólogos, de maneira que se incrementa o repertorio de lugares susceptibles de albergar xacementos paleolíticos e por tanto, de ser escenario de posibles escavacións. «Non está mal para comezar», resume o arqueólogo Arturo de Lombera, un dos coordinadores da campaña científica, xunto con Xosé Pedro Rodríguez e Talía Lazuén. Ao igual que sucede con praticamente todas as ferramentas prehistóricas recollidas antes na comarca de Lemos, as novas pezas foron achadas na superficie do terreo, o que fai moito máis difícil estimar a súa antigüidade. Os arqueólogos esperan encontrar tamén algunha peza en posición estratigráfica, isto é, encaixada nun sedimento antigo do terreo, o que facilitaría considerablemente a súa datación. Das 386 pezas localizadas no Val de Lemos ata o pasado ano, só unha estaba nun contexto estratigráfico.