Guía para seguir o xuízo do proceso secesionista

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

Los líderes del proceso secesionista catalán del 2017, sentados en el banquillo del Tribunal Supremo durante la primera jornada del juicio por la consulta ilegal del 1-O.
Los líderes del proceso secesionista catalán del 2017, sentados en el banquillo del Tribunal Supremo durante la primera jornada del juicio por la consulta ilegal del 1-O. Emilio Naranjo

O Tribunal Supremo seguirá xulgando durante os vindeiros meses os autores do intento independentista de Cataluña

10 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A noticia que todos os días acapara os medios de comunicación desde hai máis de dous meses é o desenvolvemento do xuízo polo proceso secesionista catalán (o procés) no Tribunal Supremo. Desde o primeiro día foi retransmitido por televisión e é cabeceira habitual tanto nos xornais en papel como nos de Internet. Este inusitado interese vese non só en España, onde é unha noticia da máxima importancia, senón que medios de comunicación de todo o mundo enviaron os seus correspondentes de prensa. A intención de traela aquí é ofrecer unha guía para explicar como irán sucedendo as diversas fases.

 

 

1. A INSTRUCIÓN

É o primeiro paso. A Fiscalía presentou a querela por rebelión e sedición e o tribunal admitiuna a trámite. Cando o asunto se admite a trámite, asígnase a un xuíz a instrución do proceso. Neste caso encargóuselle ao xuíz Pablo Llarena Conde, que practicou todas as dilixencias propias dunha investigación. Neste caso duraron 15 meses. O xuíz ditou prisión preventiva para a maior parte dos acusados co fin de evitar o risco de fuga, a reiteración dos delitos e a destrución de probas. Ao final emitiu o auto de procesamento no que se formulan as acusacións de rebelión, sedición, malversación e desobediencia.

 

2. CUESTIÓNS PREVIAS

Finalizada a instrución, o asunto pasou ao Tribunal Supremo, a unha sala integrada por sete maxistrados, presididos por Manuel Marchena. As acusacións presentaron os seus escritos de conclusións provisionais sinalando os feitos concretos que se imputan aos acusados, as penas que se solicitan e as probas que se van presentar. Neste caso hai tres acusacións: a primeira é a da Fiscalía do Tribunal Supremo, con catro fiscais; a segunda a da Avogacía do Estado en representación do Goberno, con dous avogados do Estado; e, en terceiro lugar, a acusación popular exercida polo partido político Vox, que presentou unha querela contra os acusados. Pola súa banda, as defensas solicitaron que se estudase se o Tribunal Supremo é o competente para celebrar o xuízo. Despois ambas as partes presentaron os escritos de cualificación provisional da acusación e da defensa no prazo esixido para iso. Á vista dos documentos, o tribunal decidiu cales serían as probas admitidas e sinalou a data para o comezo do xuízo oral. Estes documentos serán o guión que se seguirá na vista oral.

 

3. VISTA ORAL

O xuízo oral comezou, cos seguintes pasos.

  • Primeiro as partes tiveron a opción de expor cuestións previas, é dicir, aqueles aspectos, probas ou partes da instrución que lles pareceron incorrectas e que por iso desexan impugnar ou as vulneracións dalgún dereito. Os maxistrados poden resolvelas no momento da presentación ou deixar a resposta para a sentenza e incluíla nela.
  • En segundo lugar, o tribunal demandou a cada acusado que declarase se se recoñece culpable ou inocente dos cargos dos que é acusado e a continuación as acusacións interrogáronos acerca dos delitos polos que os acusan, mentres que as defensas fixeron as preguntas pertinentes para intentar demostrar a súa non culpabilidade. Os acusados puideron negarse a responder as acusacións e facelo só ás súas defensas.
  • A fase seguinte é a chamada de proba testifical, e nela interrógase ás testemuñas propostas polas partes. É a fase na que se atopa o proceso nestes días e será a máis longa do xuízo, porque hai citadas máis de 500 testemuñas. As testemuñas son identificadas, compróbase se teñen algunha relación cos acusados e esíxeselles xuramento de dicir a verdade, porque teñen obrigación de dicila -e, se non, cometen delito de falso testemuño, castigado con pena de prisión-. Cada testemuña é interrogada en primeiro lugar pola parte que a convocou e seguidamente polas demais partes, ou mesmo polo presidente da sala se o considera pertinente.
  • Unha vez recollidas todas as declaracións das testemuñas, acometerase a proba pericial, na que declararán os autores de informes técnicos que teñan encargado as partes ou o xuíz instrutor do caso ao comezo do procedemento.
  • Finalmente, acometerase a proba documental, na que se revisarán todos os documentos achegados polas partes. Serán de extraordinaria importancia os incautados nos rexistros ordenados polo xuíz na fase de instrución do proceso e as imaxes tomadas dos acontecementos obxecto da investigación.
  • Conclusións definitivas. O resultado de todas esta actuacións pode facer cambiar nalgún aspecto as conclusións iniciais presentadas polas partes. O presidente da sala dá entón a palabra ao fiscal e ás acusacións para que informen se se ratifican nas conclusións iniciais presentadas ao principio do xuízo ou se, pola contra, quérenas modificar. Neste caso deben presentar un informe escrito, e despois as conclusións elévanse a definitivas e constitúen o verdadeiro escrito de acusación no que se expoñen os feitos que se consideren probados no xuízo oral, a súa cualificación legal, a participación que neles tivera cada procesado e a responsabilidade civil. A continuación, será a quenda das defensas para facer o mesmo e elevar as súas conclusións tamén a definitivas.
  •  Última palabra dos acusados. Terminada a lectura das acusacións e as defensas das súas respectivas conclusións definitivas, o presidente do tribunal preguntará a cada acusado se ten algo máis que manifestar e concederalle unha quenda de palabra como último recurso de defensa.

 Despois declarará o xuízo concluído e visto para sentenza.

 

4. SENTENZA E RECURSOS

A sala do Supremo tardará un tempo en debater e redactar a sentenza. Tomará as súas decisións por votación dos sete maxistrados que constitúen o tribunal. O resultado final pode tomarse por unanimidade ou algún dos maxistrados pode presentar un voto particular e incluír a súa explicación na sentenza. Contra ela non cabe ningún recurso a un tribunal superior, porque xa non hai tribunal superior ao Supremo. Con todo, si queda a opción dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional e, en caso de fallo en contra deste tribunal, os condenados poderán acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

actividades

  • Unha parte importante do proceso xa tivo lugar. Na instrución do caso, o xuíz Llarena investiu 15 meses. O xuízo oral comezou o día 12 de febreiro e agora atopámonos na fase de interrogatorios das testemuñas. Como estas son bastante máis de cincocentas e ata agora pasaron poucas máis de cen, o tempo necesario para terminar a proba testifical será dalgún mes máis, e a publicación da sentenza atrasarase ata talvez o verán.
  • Por iso, neste caso non se trata de seguir paso a paso o desenvolvemento das actuacións, senón simplemente de establecer unha especie de mapa para entender en cada momento en que fase do proceso nos atopamos.